A veciñanza de Brocos e Sesto denuncia que leva máis dun mes sen servizo de recollida do lixo
- ecosdacomarca

- 21 sept 2025
- 2 min de lectura
"Os contedores rebordan e hai lixo depositado arredor causando un problema de salubridade", lamentan estes agoladeses
Ecos da Comarca/Agolada
A veciñanza das parroquia agoladesas de Brocos e Sesto denuncia que levan máis dun mes sen servizo municipal de recollida do lixo. Sinalan as veciñas e veciños que os contedores de toda a parroquia “rebordan e mesmo arredor deles hai lixo depositado”, creando ademais un “grave problema de salubridade”. Aseguran que este “·abandono” por parte do Concello de Agolada a esta parte do territorio “é bastante habitual e reiterado”, pero neste caso “a gravidade e o problema é aínda maior xa que a parroquia
de Sesto celebrou o pasado 8 de setembro as festas dos Remedios, co que a xeración de lixo duplicouse e seguimos a telo todo nas portas das casas”, e tamén os dous contedores colocados a carón da igrexa no campo da festa.

O servizo de recollida de lixo de Agolada “xa é deficitario desde sempre” denuncia a veciñanza, xa que na zona “con sorte veñen a recoller o lixo unha vez á semana, e nin sequera se limpan os contedores unha vez ao ano”. Critican as veciñas e veciños que sofren este “servizo insuficiente e deficitario” a pesares de que “pagamos a mesma taxa que o resto dos lugares do concello”.
PUBLICIDADE
Diante da “alarmante situación” e os “evidentes problemas de cheiros e falta de salubridade”, a veciñanza lanza un ultimato ao goberno local para que “solucione dunha vez por todas e para sempre os problemas do servizo de recollida do lixo nestas parroquias”, do contrario os veciños e veciñas “fartos deste abandono” aseguran que están dispostos a “levar á porta do concello o lixo sen recoller” a modo de
protesta.
PUBLICIDADE
“Isto é o rural”, e o feito de ter bolsas do lixo fóra dos contedores provoca que moitos animais abran as bolsas e espallen lixo por toda a aldea. “Estamos fartos de coidarnos nós sós, sen atención do goberno municipal que fai os mínimos investimentos nesta zona mentres nos cobra os mesmos impostos que ao resto das veciñas e veciños dos concellos, incluso recibe máis de 50.000 euros anuais en compensación polo encoro de Portodemouros e apenas inviste na parroquia”.








Comentarios