top of page

A veciñanza de Agolada recibiu información do Observatorio Eólico de Galiza

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Xavier Simón explicou que os parques de Estivada e Zamorra poden chegar a producir 18 millóns de euros de beneficios á empresa e recomendou aos afectados negociar “unidos”


Laura Moure/Agolada

Veciños e veciñas de Agolada asistiron onte no Auditorio municipal a unha charla ofrecida por Xabier Simón, profesor titular de Economía Aplicada e membro do Observatorio Eólico de Galiza da Universidade de Vigo, arredor dos proxectos de novos parques eólicos que se están a tramitar no concello. Diante da preocupación de moitos veciños e veciñas “porque estamos a cegas diante da explosión de proxectos de parques eólicos”, o responsable do Observatorio recomendou por riba de todo aos afectados “que esteades unidos, a chegada do eólico ao rural ten que deixar o maior beneficio posible para a veciñanza das parroquias afectadas. Se non queredes o parque loitade, a decisión é vosa”.

Para tomar estas decisións diante das ofertas que xa están a recibir veciños e veciñas de Agolada propietarios de terreos en zonas afectadas polos parques de Estivada e Zamorra, Xavier Simón ofreceu aos asistentes a este encontro os datos oficiais do Observatorio Eólico que leva máis de 15 anos traballando neste eido en todo o país.


Referiuse en concreto a dous parques que afectan a Agolada e que están xa nun avanzado estado de tramitación administrativa, o de Estivada e o de Zamorra, que unha vez operativos producirán beneficios á empresa enerxética de entre 6 e 18 millóns de euros ao ano (dependendo do prezo da electricidade no mercado).


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Segundo os datos do Observatorio, só estes dous parques ocuparán máis de 2.500 hectáreas, o 20% da superficie do municipio, xa que ademais dos aeroxeneradores previstos, hai que ter en conta unha distancia arredor de cada un de 200 metros e a afectación a outros terreos adxacentes. No caso de Estivada que comparte afectación entre os concellos de Agolada e Antas de Ulla serían 1.114 hectáreas e no caso de Zamorra, íntegro no municipio de Agolada, 1.463 ha.


Ademais, cadanseu destes parques terán unha subestación e evacuarán a electricidade a través dunha Liña de Alta Tensión soterrada. Uns terreos que se verán afectados, deste xeito, por un cambio na cualificación urbanística do solo, que pasaría da cualificación actual como rústico de protección agropecuaria ou forestal, a rústico de protección de infraestruturas.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Máis beneficios no territorio

Xavier Simón explicou á veciñanza que estes parques “deberían deixar máis do que deixan nas aldeas”. Puxo como exemplo o parque eólico do Farelo, que funciona dende 2005, e que no 2022 produciu 7 millóns de euros de beneficio. Con estas cifras de referencia, o responsable do Observatorio Eólico estimou que os de Estivada e Zamorra case triplicarán este beneficio anual para a empresa, e terían que aportar ao Concello de Agolada o pago da contribución, o ICIO, o IAE e o canon eólico que cobra a Xunta e reparte entre os concellos. Simón cifrou nestes dous casos en 90.000 euros ao ano a contribución, 1,3 millóns de euros anuais o ICIO, 42.000 euros o IAE e unha participación en 28.000 euros do canon que cobrará a Xunta.


Diante destas elevadas cifras, Simón recomendou aos propietarios dos terreos afectados por estes parques que permanezan e negocien unidos, reclamen o que é xusto e o beneficio acaído para o territorio pola enerxía producida. Explicou aos asistentes que a media de pago destas empresas en Galiza é de entre 3.000 e 4.000 euros por aeroxenerador instalado, ou ben 3.000 euros por MW, e mesmo en algún casos as empresas ofrecen unha participación na facturación do 2,75% entre os propietarios dos terreos nos que se ubica o parque.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

Unión para negociar

“É importante estar unidos e negociar xuntos e o Concello ten que ter un papel positivo e de apoio aos veciños e veciñas nestes procesos, porque os propietarios tedes que gañar e tamén o Concello ten que recibir a compensación que debe converterse en máis e mellores servizos para a veciñanza”. Os veciños e veciñas que asistiron a esta charla deixaron xa claro coas súas testemuñas que o proceso de negociación coa empresa está a provocar anomalías, xa que algúns recibiron ofertas de 10.000 euros por aeroxenerador, outros só 700 euros ao ano polo mesmo e os intermediarios da empresa que constrúe ambos parques mesmo se negaron a negociar participación en beneficios ou enerxía gratuíta para os afectados.


Esta situación, segundo explicou Simón, está a repetirse en todo o país, por iso recomendou á veciñanza de Agolada informarse, unirse e loitar.

0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page