"Pola contra, o nome do noso concello figurará no informe anual como administración que non cumpre coas súas obrigas legais", sinalan os socialistas
Tras varios requirimentos da Valedora do Pobo ao Concello do Pino e as nulas respostas obtidas por parte do ente local, a alta institución galega vén de remitirlle o último escrito ao rexedor, Manuel Taboada, tal e como informa o PSOE. " Outorgándolle tan só cinco días para dar unha resposta que xustifique e motive o reiterado incumprimento de deberes legais", apunta este grupo da oposición.
"Neste escrito, de data 9 de abril, a alta institución galega lémbralle por enésima vez a súa obriga legal de facilitar toda a documentación e expedientes que obren en poder dos servizos da Corporación e que sexan solicitados polos distintos concelleiros e concelleiras. No caso contrario advírtelle que, “o asunto será incluído no Informe Anual ou Especial correspondente, con mención do nome ou nomes das autoridades ou funcionarios que persistan nesta actitude”, e que dito informe será dirixido ao Parlamento de Galicia", explican os socialistas.
O PSOE local afirma que leva todo este mandato solicitando varios expedientes e as actas das Xuntas do Goberno Local, pero que “as nosas peticións sempre son ignoradas e rexeitadas por parte do alcalde, quen persiste nesta actitude de nula transparencia e incumprimento de deberes legais porque sabe que o estamos controlando e fiscalizando, e, tamén, sabe que a súa xestión é máis que discutible e ten moito que agochar”, resalta o voceiro socialista, Óscar Vilar.
“Ao noso grupo xa non nos estraña nada de Manuel Taboada, o que si lamentamos e que sexa a Valedora do Pobo a que teña que lembrarlle continuamente as súas obrigas. Así mesmo, resultaría moi triste que o nome do Concello do Pino fora sinónimo, nun informe da alta institución galega, de falta de transparencia debido aos caprichos do alcalde. Cando un político, que cobra do diñeiro público, non sabe aceptar as críticas e o control por parte da oposición o mellor que pode facer é abandonar o cargo” indican desde o PSOE local.
Comments