top of page
Foto del escritorLaura Moure

A V edición do Galicia Clarinet Fest bate récords de asistencia

O festival, que se está levando a cabo en Lalín, consolídase como unha das referencias do mundo do clarinete mellor valoradas a nivel europeo


Laura Moure/Lalín

A V edición do Galicia Clarinet Fest chega ao seu ecuador cunha elevada asistencia e coa fidelidade dun público que desde que comezou o festival en Lalín, o pasado venres 12 de xullo, non quixo perder ningún dos seus concertos. O director artístico do festival, Xocas Meijide, destaca "o carácer heteroxéneo do público, que inclúe ao alumnado que asiste ás clases, ó profesorado internacional, ás familias procedentes doutras comunidades como País Vasco, Catalunya ou Andalucía e á veciñanza de Lalín, amante da música, que acode diariamente".

Dos 9 concertos programados ata hoxe lévanse rexistradas 1.796 entradas, entre bonos e entrada diaria. A media de asistencia para os recitais de piano é de 120 persoas, e os concertos das 21 horas tiveron unha afluencia media de 270 persoas. Para Xocas Meijide “estes datos son moi ilusionantes, porque esta edición era un reto, tanto polo cambio de ubicación, na praza da Igrexa de Lalín, como por deixar de ser un festival gratuito. O público respaldou un festival que trae a Lalín, no mes de xullo, unha programación dun altísimo nivel, con 14 clarinetistas internacionais que son referentes, 4 pianistas, e unha oferta de concertos ademais de clásica, como fado, kletzmer, música galega... que

encandilou aos asistentes”.


Ao longo de todo o festival ao redor de 350 músicos teranse subido aos distintos escenarios do Galicia Clarinet Fest. Músicos de prestixio internacional procedentes de países tan diversos como Australia, Canadá, Holanda, Turquía ou Portugal, en convivencia con alumnado procedente doutros tantos países do mundo.


Publicidade

Programación

Xoves ás 19 horas. Concerto do alumnado acompañados ao piano por Isolda Crespi, Pablo Rodríguez, Alicia G. Permuy e Cristina Esclápez. Ás 21 horas a Banda de Lalín, dirixida por Marcel Van Bree, contará con 4 clarinetistas internacionais: Michelle Anderson, Debbie Andrus, Selin Gürol e David Griffiths.


Unha hora antes, na praza de Praterías en Santiago de Compostela, os clarinetistas Xocas Meijide, Emilio Alonso Espasandín e Joâo Pedro Santos, acompañarán á Banda Municipal de Santiago de Compostela, dirixida por David Fiuza.


O festival remata o venres 19 cunha dobre actuación do Galicia Clarinet Ensemble, ás 18 horas na praza de Praterías de Santiago e ás 21 horas no Multiusos Manuel Rivero de Lalín que con este concerto de clausura a cargo do Galicia Clarinet Ensemble, no que participan profesores e alumnado do festival.

0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page