"A tala é o resultado dun goberno que non coidou as árbores e que se nega a diagolar", critica Erea Rey
- ecosdacomarca

- 9 abr
- 2 min de lectura
O goberno de Silleda talou na Avenida do Parque seis acacias negras de máis de 70 anos de idade, unha decisión que desde o BNG cualifican "de drástica e innecesaria"
Ecos da Comarca/Silleda
O goberno municipal de Silleda executou na Avenida do Parque a tala de seis acacias negras de máis de 70 anos de idade, unha decisión que desde o BNG cualifican "de drástica e innecesaria, adoptada sen ningún diálogo previo nin vontade de acordo co resto das forzas políticas nin coa veciñanza".

Desde o Bloque lembran que levan desde xullo do ano pasado reclamando a modificación do proxecto de humanización da zona para salvar as árbores que se atopaban en bo estado de saúde, unha alternativa que o goberno municipal nunca quixo estudar. “A tala da Avenida do Parque é o resultado dun goberno que non coidou as árbores e que se nega sistematicamente a dialogar”, afirma a voceira local do BNG, Erea Rey, que denuncia “un xeito de gobernar autoritario, no que se decide todo a porta pechada, pese a gobernar en minoría”.
O proxecto de obra adxudicado á construtora, accesible no expediente municipal, prevé expresamente a tala de doce árbores e a posterior plantación de dez novos exemplares dun máximo de 40 cm de perímetro (12 cm de diámetro). Porén, finalmente só se tallaron seis, e o Concello anunciou agora, ademais desas dez novas, a plantación de catro árbores adicionais de gran porte —arces xaponeses— que non figuran en ningunha parte do proxecto aprobado.
PUBLICIDADE

Desde o Bloque consideran que o feito de que o goberno modificase sobre a marcha o proxecto, decidindo agora non cortar o castiñeiro, conservar as magnolias e plantar catro árbores adicionais de maiores dimensións, "responde directamente ao traballo de presión realizado polos concelleiros nacionalistas e ao malestar crecente da cidadanía ante a tala de árbores vivas, cuxo bo estado de saúde puido comprobarse tras revisar os troncos unha vez cortados".
“Tiñamos unha sombra gratis e agora o Concello vai gastar cartos públicos en mercar árbores de 15 ou 20 anos para non estar os próximos 20 torrándonos ao sol”, critica Rey, quen subliña que “isto demostra ata que punto se actuou sen planificación e sen escoitar alternativas razoables. Todo isto podería terse evitado se o goberno tivese aceptado sentarse a dialogar, algo que nunca fixo”.
Publicidade
Tamén lamentan a perda que supón esta tala para o patrimonio e a identidade da vila, e reiteran que defenden un modelo urbano totalmente distinto ao do PSOE. “Non compartimos unha forma de entender a humanización que se limita a encher as rúas de cemento, eliminando elementos vivos que dan identidade, sombra e calidade de vida”, subliñan.
Desde o Bloque advirten que este episodio "non é un feito illado, senón o reflexo dun goberno que confunde gobernar con impoñer e no que as decisións se toman sen consenso nin vontade real de acordo, incluso gobernando en minoría".
NOTICIA RELACIONADA:
Silleda renovará o arborado na Avenida do Parque con especies de gran valor ornamental e ambiental: https://www.ecosdacomarca.com/post/silleda-renovar%C3%A1-o-arborado-na-avenida-do-parque-con-especies-de-gran-valor-ornamental-e-ambiental







Comentarios