top of page

A subdelegada do goberno María Rivas visita a Asociación A Maristela de Sobrado que ten 400 socias

Tamén mantivo un encontro de traballo co alcalde, Luís Lisardo Santos

Laura Moure/Sobrado dos Monxes

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse este mércores ata o concello de Sobrado dos Monxes onde mantivo un encontro coa asociación de mulleres rurais A Maristela, unha asociación que naceu no ano 2000 co fin de cubrir o baleiro asociativo que existía no concello e de crear unha rede entre mulleres do municipio.


A Maristela, que conta con case 400 socias, realiza un importante labor de acollida de familias afgás ademais de acompañalas na súa integración, con algunhas das cales tivo oportunidade de falar a subdelegada para coñecer máis en profundidade a súa situación.

María Rivas trasladou ás integrantes da asociación o seu interese por coñecer e visibilizar outras realidades das mulleres diferentes ás urbanas: “Aínda que a desigualdade é transversal a todas nós, pola nosa condición de mulleres, existen outros elementos que inciden aínda máis nesa desigualdade como ocorre no ámbito rural”.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

“Hoxe tiña especial interese en vir aquí para coñecer e recoñecer o traballo tan importante que facedes, os lazos e as redes que creades e que tanta importancia teñen no terreo emocional”, manifestou a subdelegada, poñendo de relevo a sororidade existente entre as mulleres. A subdelegada recalcou o seu orgullo “especialmente nun día como hoxe” por formar parte dun Goberno que demostrou con feitos a súa aposta pola igualdade e polas políticas centradas na muller.


Lembrou que España é o único país de Europa no que a igualdade de xénero constitúe un dos eixos fundamentais do Plan de Recuperación. “Somos conscientes de que é moi importante dotar de servizos ao rural para que poidades realizar as vosas actividades, as vosas vidas, e sobre todo fixar poboación,” explicou a subdelegada que engadiu que “cando falamos de falamos de reto demográfico pensamos sobre todo nas mulleres”.

A subdelegada tamén aproveitou a súa visita a Sobrado para manter un encontro de traballo co alcalde Luís Lisardo Santos. Rivas foi recibida no Consistorio polo mandatario e polo concelleiro Miguel Combo.

Durante o encontro, o rexedor trasladou a Rivas varias cuestións, tal e como informa o Concello:

  • Por unha banda, unha posible axuda estatal de 800.000 euros para implantar a tecnoloxía led no sistema de iluminación exterior do municipio.

  • Pola outra, a problemática existente coa fibra óptica da que aínda carece unha parte do concello.

Santos incidiu na necesidade de estender o internet de alta velocidade a todo termo municipal. A subdelegada comprometeuse a analizar esta situación e a buscarlle unha solución á maior brevidade posible.





Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page