Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A subdelegada do Goberno en Pontevedra destaca en Lalín o papel da Garda Civil nas zonas rurais

Subliña que a labor da compañía lalinense é determinante para que a contorna se atope entre as máis seguras da provincia


Laura Moure/Lalín

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, avogou hoxe en Lalín polo papel “fundamental” que cumpre a Garda Civil nas zonas rurais, “onde o seu traballo para garantir a seguridade favorece a vertebración do territorio e contribúe a fixar poboación”. Larriba fixo estas declaracións no acto de homenaxe que o Concello de Lalín lle brindou á V Compañía da Garda Civil adscrita á Comandancia de Pontevedra, que copresidiu xunto o alcalde, José Crespo.

Asistentes ao acto, hoxe, en Lalín.

“Un dos moitos retos do Instituto Armado”, indicou, “é o de manter unha presenza eficaz nas zonas rurais axustada ás necesidades dos cidadáns, cun servizo que apuntale a prosperidade das contornas rurais como son as de Lalín e das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes”.


2.100 novas prazas

A este respecto, destacou o “compromiso do Goberno de España para reforzar a seguridade nos pequenos municipios e para aumentar a presenza da Garda Civil en todo o territorio”. Así, recordou que para este ano hai convocadas 2.100 novas prazas, cunha taxa de reposición do 115% “porque aínda que queda moito por facer, agora non hai alcalde ou localidade que non queira ter un cuartel da Garda Civil”.


Maica Larriba felicitou e transmitiu o seu recoñecemento e agradecemento aos membros da V Compañía de Lalín, cuxo traballo, dixo, “é un dos mellores exemplos do compromiso coa sociedade máis próxima que cada día demostra a Garda Civil e que debe facernos sentir orgullo”. A subdelegada fixo referencia ás máis de 50 operacións contra grupos criminais que desenvolveu a Compañía, destacando, en especial, o papel da Policía Xudicial e a desarticulación o pasado ano dun grupo dedicado ao asalto de vivendas e establecementos. “Os roubos con forza son dos delitos que maior sensación de inseguridade xeran entre a cidadanía, pero co voso traballo exemplar facedes que esta zona continúe entre as máis seguras da provincia”, engadiu.


Por último, Maica Larriba recordou que a Garda Civil se enfronta a importantes desafíos como son a emerxencia climática, a loita contra a violencia machista ou a ciberdelicuencia, “retos complexos que afrontaredes con garantías porque ao longo da historia sempre soubestes adaptarvos aos novos tempos”, explicou.

54 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE