top of page
Foto del escritorLaura Moure

A subdelegada do Goberno en Lugo destaca o compromiso dos cárceres de Bonxe e Monterroso

Isabel Rodríguez agradeceu o labor de todo o persoal e subliñou que representan “un modelo exemplar de como o sistema penitenciario debe funcionar”


Laura Moure/Monterroso

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu este martes os actos organizados con motivo da celebración do Día da Mercé, patroa das Institucións Penitenciarías, nos que se destacou o traballo de 42 persoas da provincia a través de medallas ao mérito e mencións honoríficas. Durante a súa intervención, Rodríguez recoñeceu a importancia do labor que desempeñan estes traballadores para garantir non só a custodia, senón tamén a reintegración das persoas privadas de liberdade. Nun acto, que contou coa participación da alcaldesa de Lugo e os alcaldes de Monterroso e Outeiro de Rei, así como os directores do Centros Penais de Bonxe e Monterroso, a subdelegada eloxiou o esforzo e a dedicación do persoal dos dous centros da provincia, poñendo en valor o papel de funcionarios de vixilancia, educadores, psicólogos, traballadores sociais e persoal sanitario.

Así mesmo indicou que “o seu labor contribúe directamente á reinserción dos internos, proporcionándolles as ferramentas necesarias para unha segunda oportunidade na sociedade”. A subdelegada do Goberno engadiu que “os representantes da sociedade lucense que nos xuntamos hoxe aquí para celebrar convosco a festividade da vosa patroa, queremos dar testemuña pública da gratitude que sentimos polo traballo que realizades, e que redunda en beneficio de todos os veciños e veciñas de Lugo”.


Neste sentido, remarcou que “máis aló da vixilancia, estes centros apostan pola dignidade humana e a rehabilitación, principios fundamentais dun sistema de xustiza que cre na capacidade do ser humano para cambiar e mellorar”.


Compromiso institucional e agradecemento aos funcionarios

Isabel Rodríguez tamén aproveitou a ocasión para expresar, en nome do Goberno, o seu agradecemento pola profesionalidade e entrega dos traballadores e traballadoras. Así mesmo, reiterou o compromiso do Executivo de continuar traballando para mellorar as condicións laborais e fomentar a cooperación entre institucións, sociedade e o sistema penal para alcanzar o éxito na reinserción social.


Publicidade

Condecoracións

Durante a celebración fíxose entrega de varias condecoracións e recoñecementos ao persoal dos Centros de Bonxe e Monterroso, comezando coa Medalla de Prata ao Mérito Penal, que se concedeu ao xefe de servizos médicos de Bonxe, Álvaro Tomé Cortón; o médico de Bonxe (a título póstumo), José Manuel López Seoane; e a pedagoga de Monterroso Mª Carmen Guitiérrez Trujillo. A Medalla de Bronce ao Mérito Penal foi entregada a Francisco Javier Rodríguez González, axudante do servizo interior de Bonxe.


No que alcanza ás Medallas de Mérito Social Penal, recibiu a de prata o presidente da Cruz Vermella, Luis Abelleira Maior; e as de bronce Juan José Alonso Pereira, electricista de Clece; José Antonio Pumariño Paz, fontaneiro de Clece; e Noel Ferreiro Sampayo, técnico da empresa de mantemento.


As Mencións Honoríficas recaeron en mans de José Javier Vilas Pedruelo, monitor ocupacional de Bonxe; Mª Isabel Val López e Manuel González González, das oficinas xerais de Bonxe; Marco Antonio Martín López, coordinador de produción en Bonxe; Imanol Corredoira Rebolo e Fernando Pérez Arias, do corpo de axudantes de Monterroso.


Outro dos méritos recoñecidos foron os 25 anos de servizo outorgados a Miguel Rodríguez López, Mary Ceo Gallardo Novas e Silvia Almoedo Rodríguez, así como a outros 10 funcionarios de Bonxe e 15 de Monterroso.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page