top of page
Foto del escritorecosdacomarca

"A sociedade aínda non relaciona a cultura e a música cuns estudos profesionais ou cunha profesión"

"Toda crise trae a súas cousas boas en forma de aprendizaxe, unha aprendizaxe que nos prepara para ser máis fortes no futuro e as orquestras non repetirán vellos erros"

Álvaro Lodeiro no seu despacho.

Entrevista ao cruceño Álvaro Lodeiro Novo, xerente de Deza Music


Laura Moure/Vila de Cruces

A pandemia freou as verbenas, suspendeu espectáculos ou nalgúns casos permitiu que se celebrasen, pero con aforos reducidos. Músicos, artistas, técnicos e moitos outros profesionais agardan a poder ver levantar o telón para que se retome a función. O cruceño Álvaro Lodeiro Novo, xerente de Deza Music, fálanos da súa empresa e de como está a vivir estes tempos.


1. Cando e como nace Deza Music?

Deza Music nace en xuño de 2019 iniciando a súa actividade no mes de setembro do mesmo ano. A idea xorde encamiñada a crear unha empresa que prestara todo tipo de servizos culturais e musicais, dende a produción de espectáculos e eventos ata a educación musical, pasando tamén pola representación de artistas e grupos, dada a miña relación coa música, xa que foi o que estudei, e dado tamén a empresa familiar xa existente: Espectáculos Mazás, tamén con sede en Vila de Cruces.


2. Como definiría ata agora a súa traxectoria?

Moi satisfactoria e motivante ó tempo que axitada (risas). Estamos moi contentos en xeral, neste corto espazo de tempo xa estamos a prestar servizos de educación musical e tamén producimos espectáculos e proxectos diversos como foi un videoclip coa orquestra Panorama. Ademais acabamos de deseñar e incluír catro espectáculos musicais de gran calidade no programa Musigal da Deputación. Seguimos un paso humilde, pero firme e ascendente e na actualidade xa somos un total de 10 profesionais os que traballamos para a empresa. Pero como dicía, axitada tamén, imaxínese o que é arrancar un proxecto destas características e que ós cinco meses de empezar a actividade chegue unha crise de tal magnitude como é a que está a provocar en todos os sentidos a Covid-19. A sorte que temos e que os empregados da empresa son os mellores, profesionalmente e persoalmente, o que axudou a superar momentos de gran incerteza e de seguro que poderemos aprender moito da situación vivida e que aínda estamos a vivir para saír máis fortes aínda disto.


3. Como foi o resultado do proxecto As Torres de Compostela?

Para nós o resultado foi magnífico e motivador, pero somos conscientes que é o público quen o ten que dicir. Dende un primeiro momento, quixemos facer unha homenaxe ó Camiño de Santiago e polo tanto a Galicia, unindo a tradición do mesmo coa diversidade e a modernidade actual, representando así ese ben cultural inmaterial que é o Xacobeo e que se adapta a todas as culturas, a todas as idades e a todos os tempos tendo como nexo de unión o Camiño de Santiago. Por outra parte, tivemos a grandísima sorte, de poder realizar o noso primeiro proxecto de videoclip coa orquestra Panorama. Dende o primeiro momento estiveron a disposición para todo o que fose preciso e a súa involucración foi enorme, algo do que estamos enormemente agradecidos. Imaxínese o que foi para nós poder traballar con profesionais da talla de Mario Álvarez, Fátima Pego, Irene Iglesias ou Cibrán Insua, sen esquecernos do gran Lito Garrido. Se a estes profesionais lle sumamos na dirección técnica a Virvi Fraga o resultado solo pode ser bo. Pero como dicía, é o público quen terá que avalialo cando nas vindeiras semanas, sexa presentado o traballo final.


4. Como se enfrontan á situación de pandemia?

Con optimismo e motivación. Estamos ante unha situación nova e complexa, nunca antes vivida, pero o que non podemos e meternos na casa a chorar, o virus non pode pararnos. Son tempos de innovar, en todos os sectores, pois cada crise ten a súa parte de aprendizaxe e polo tanto de progreso, niso debemos incidir, observar e quedar coas ensinanzas que nos está a deixar esta pandemia para poder adaptarnos e buscar novas solucións que nos farán aínda máis fortes e competitivos cando todo isto pase, porque pasará.


5. Considera que a cultura está valorada e tense en conta neste momento?

Esta é unha pregunta complexa e que admitiría un gran debate. Penso que socialmente, por exemplo na nosa comarca, a cultura goza dun amplo recoñecemento, soamente hai que fixarse nas bandas de música existentes, mais tamén penso que o público en xeral, aínda non ten relacionado a cultura, por exemplo a música, cunha profesión, senón que máis ben pensa que se trata dun pasatempo. Todos temos na cabeza, seguramente, un anuncio de televisión de fai unhas semanas, onde se “ía deixar os estudos para centrarse na música”. É o anuncio máis desafortunado que recordo, pero é o reflexo dunha sociedade que aínda non relaciona a música e a cultura cuns estudos profesionais e cunha profesión como calquera outra. Ó mesmo tempo, tamén é certo que os axentes culturais, en ocasións, tampouco axudamos a mudar ese concepto, solo hai que ver o lamentable estado do sector da verbena, o cal dende fai anos, moito antes de aparecer o coronavirus, vimos denunciando algúns e que por desgraza, o virus da Covid-19 nos veu a dar a razón.


6. Recibiron algún tipo de axuda?

Si, precisamente o videoclip As Torres de Compostela forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, posto en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral de Política Lingúística da Xunta de Galicia, enmarcado dentro do Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico que tiña como finalidade, precisamente, a de diminuír os efectos negativos da pandemia no sector ó tempo que nos axudaba na recuperación da nosa actividade. Se non lembro mal, no mes de abril adiantóusenos a todo o sector as liñas xerais do citado plan por medio dunha Webinar informativa e en xuño xa tiñamos o proxecto presentado. Penso que para o sector supuxo unha gran oportunidade dende o punto de vista tanto económico como psicolóxico, pois fixo que nos mantiveramos ocupados e activos sentíndonos útiles.


7. Como ve o futuro?

Vexo un futuro cheo de retos e desafíos. Como dixen anteriormente, toda crise trae as súas cousas boas en forma de aprendizaxe, unha aprendizaxe que nos prepara para ser máis fortes no futuro. De feito non tería sentido, despois do que estamos a vivir, caer nos mesmos erros, non só neste sector, senón que nos outros tamén. Queremos seguir especializándonos no que facemos e contribuíndo a que o sector cultural gañe en prestixio social. Neste senso, hai un gran camiño que andar, por exemplo, na verbena galega, que presentaba un modelo completamente caduco e esgotado dende fai anos e que quedou confirmado coa aparición da Covid-19. Un gran reto este último, pero necesario para recuperar a dignidade e os dereitos dos músic@s, dos técnic@s de escena e dos técnic@s de montaxe. Será complexo, pero nós estaremos preparados para dito desafío e as orquestras, seguro que aprenderon da actual situación e non repetirán vellos erros.


8. Como xurdiu a idea de recolectar alimentos non perecedoiros?

A situación actual está a facer que moita xente estea a pasar por momentos de dificultade. Penso que toda empresa debe ter un compromiso social, pois realmente, é esa sociedade a que lle da sentido ás diversas empresas; sen eles, sen os veciños/as e todo o público en xeral que consome os nosos produtos nós non existiríamos, polo tanto, trátase de que cada un, dentro das súas posibilidades, lle devolva á sociedade o que ela nos da ás empresas. Xuntos sairemos disto!

0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page