A silledense María Josefa Limia García celebra o seu 101 aniversario!
- Laura Moure

- 24 jul
- 2 min de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda sumouse este xoves á celebración do centenario de María Josefa Limia García, veciña da parroquia de Quintela-Manduas, que cumpriu 101 anos rodeada da súa familia e mantendo a vitalidade que sempre a caracterizou.

Natural de Escuadro (Sar), María Josefa leva 29 anos residindo en Quintela, onde vive coa familia dun dos seus sobriños. Toda a súa vida estivo marcada polo traballo: exerceu como xornaleira e, mesmo a día de hoxe, continúa facendo as tarefas da casa, cociñando, lavando a roupa —que asegura facer con moito gusto— e colaborando nos labores do campo, como sachar ou cortar a herba co fouciño. A súa rutina comeza ben cedo: ás 7:00 da mañá xa está en movemento.
PUBLICIDADE
Durante os últimos anos tamén exerceu de coidadora da súa irmá máis nova, xa falecida, á que acompañou ata os seus últimos días. Solteira e sen fillos, conta cun gran apoio familiar e goza dunha saúde excelente. Non toma medicamentos e prefire coidarse con herbas tradicionais, sobre as que ten un amplo coñecemento.
Co gallo desta data tan especial, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, achegáronse ata o seu fogar para facerlle entrega dun agasallo institucional e compartir uns momentos de celebración coa súa familia.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
“Pasei unha vida de moito traballo e miseria, pero son moi feliz agora ao lado da miña familia, que me coida moito”, asegurou emocionada María Josefa.
Dende o Concello de Silleda quixeron deixar constancia do recoñecemento a unha vida de esforzo, sabedoría e xenerosidade. Un exemplo de vitalidade e de amor polos pequenos grandes xestos do día a día.








Comentarios