A silledense Amparo González sopra as 103 velas dende a parroquia de Vilar
Goza dunha excelente saúde despois dunha dura vida de traballo no campo
Laura Moure/Silleda
Dolores Amparo González López, veciña da parroquia silledense de Vilar, celebrou onte nada menos que 103 anos de vida. Un aniversario moi especial que compartiu coa súa familia e no que tamén recibiu a visita da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e da
concelleira de Cultura, Mónica González.

A rexedora e a edil achegáronse onte pola mañá ata a súa casa, no lugar de Cabodevila, onde Amparo -unha das veciñas máis lonxevas do municipio- reside dende hai case 25 anos coa súa neta María José e con Toño, o marido desta.
PUBLICIDADE
Natural da parroquia de Ponte, Amparo trasladouse a Vilar tras quedar viúva. Detrás dos seus 103 anos hai unha longa vida marcada polo traballo e polo esforzo no campo, pero tamén unha vitalidade que segue sorprendendo a quen a coñece. Na actualidade goza dunha excelente saúde e conserva unha gran lucidez, ademais dese sorriso permanente que a caracteriza.
A súa familia suma xa cinco xeracións. Amparo é tataravoa de Erik, fillo da súa bisneta Laura, e celebrou esta nova volta ao sol rodeada do agarimo dos seus.
PUBLICIDADE
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou que “é unha enorme alegría poder compartir con Amparo un día tan especial e comprobar a súa vitalidade, a súa lucidez e, sobre todo, ese sorriso co que sempre nos recibe”. “Persoas como Amparo representan a memoria viva do noso concello. Son mulleres dunha xeración de enorme fortaleza, que sacaron adiante as súas familias cunha vida de traballo e sacrificio e ás que temos moito que agradecer”, sinalou a rexedora, que lle trasladou en nome de toda a Corporación e da veciñanza de Silleda os mellores desexos neste 103 aniversario.
PUBLICIDADE
“Celebrar 103 anos rodeada da familia é un auténtico privilexio. Agardamos poder seguir visitándoa durante moitos aniversarios máis coa mesma alegría e coa mesma enerxía que conserva hoxe”, engadiu Fernández Pena.










Comentarios