A cita, a máis veterana do municipio, celebrarase dende o mércores 13 ata o sábado 16
Laura Moure/Silleda
A parroquia silledense de Cira celebra nos vindeiros días unha nova edición da súa Semana Cultural. O ciclo, que cumpre xa 46 anos, incluirá maxia, propostas escénicas, obradoiros, danza, un torneo de tute... así como unha cea e música.

Arranca o vindeiro mércores día 13 de novembro cunha actuación do Mago Richard, que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Social. A maxia, habitual nos últimos anos na programación da localidade, dará paso o xoves día 14 a unha proposta escénica cargada de humor con Dani Blanco, no espectáculo “As Sircópatas, un paiaso en recuperación”, tamén ás 20:00 horas.
As propostas escénicas para disfrutar en familia continúan o venres día 15 da man da compañía N+1, con Circanelo, un espectáculo de clown con teatro xestual, danza e acrobacións a cargo de Alfredo Pérez Muiño, veciño da comarca
Publicidade
Para pechar o ciclo cultural, o sábado 16 os máis pequenos terán obradoiros de pintacaras e figuras pixeladas a partir das 16:00 horas. Tamén pola tarde se disputará un torneo de tute. A xornada rematará cunha cea de confraternidade no propio local social amenizada ca música do Dúo Fusión. As persoas interesadas en acudir á cena poden anotarse na taberna de González ou cos membros da comisión.
A cita está organizada pola Comisión de Festexos de Cira e a Concellería de Cultura do Concello de Silleda, e conta ca colaboración da Deputación de Pontevedra . A Semana Cultural de Cira foi pioneira no rural de Silleda e a día de hoxe esta iniciativa é a máis veterana do municipio, con máis de catro décadas de traxectoria, e a única que se conserva como tal.
Comments