A segunda edición de Deza Circular arrancará en Silleda o 7 de novembro
A acción formativa, con 200 horas teórico-prácticas, está dirixida a persoas en situación de desemprego
Laura Moure/Silleda
A segunda edición da Formación en aproveitamentos forestais e acondicionamento de espazos verdes, organizada dentro do programa Deza Circular, que contempla accións formativas, prácticas en espazos da Rede Natura 2000 do Concello de Silleda e accións de orientación e asesoramento cara a inserción laboral, dará comezo o vindeiro día 7 de novembro ás 15:30 horas, no Viveiro de Empresas do Concello de Silleda, no parque empresarial Área 33.

Esta acción formativa, que conta con 200 horas de docencia teórico-práctica, impartirá os contidos do certificado de profesionalidade “AGAR 0209 Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais”, e complementarase con 25 horas de prácticas en espazos protexidos do Concello de Silleda , no marco da acción Deza Recupera.
Os horarios de impartición da formación presencial serán de 15:30 a 20:30, e o programa formativo continuará ata o 12 de xaneiro de 2023. As acción prácticas adaptarán os seus horarios ás necesidades do traballo nos espazos naturais e tamén ás condicións meteorolóxicas.
O proxecto Deza Circular, cun orzamento de 78.336,20 euros, é un dos poucos da provincia que recibiu o visto bo da Fundación Biodiversidad, a través da liña de axudas do programa EmpleaVerde, e conta co apoio do Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico, e a cofinanciación do Fondo Social Europeo.
Todas as persoas en situación de desemprego que estén interesadas en participar, poden informarse no Concello de Silleda, a través do correo electrónico emprego@silleda.es ou chamando ao 986 580 000, a través da Concellerías de Medio Ambiente e Emprego, que dirixe Pili Peón.