Os dez alumnos/as da especialidade de atención sociosanitaria formaranse ata xuño para despois realizar atención domiciliaria
Laura Moure/Lalín
O obradoiro de emprego “Lalín Verde” que abrangue dúas especialidades (atención sociosanitaria e xardinería) e que se iniciou en decembro comezou a desenvolver as obras asignadas nos meses de febreiro e marzo, tras complementar a formación teórica correspondente.
A concelleira de Emprego, Beatriz Canda Rodríguez, explica que “as principais actuacións realizadas ata o momento pola sección de xardinería céntranse en dúas zonas: o paseo do Pontiñas e a finca de Mouriscade”. “Malia a que neste período houbo días de fortes chuvias realizouse xa o desbroce, poda e limpeza de herbas dos dous camiños que discorren polo paseo do Pontiñas, entre a Avenida Xosé Cuiña e o lago, nunha lonxitude de 3 quilómetros que implican 12 quilómetros lineais de desbroces”.
Así mesmo indica que “tamén está practicamente terminada a actuación principal na finca de Mouriscade, onde se reformou completamente a rotonda interior e se realizaron desbroces na contorna; reparáronse e pintáronse os paneis informativos e colocáronse enredadeiras xunto as columnas que hai na praza da entrada de Mouriscade. “Estes traballos completaranse coa colocación da grava branca de ornamentación na rotonda e de tellados nos paneis informativos”, sinala. “En abril está prevista a actuación nos nós de entrada ao Polígono Lalín 2000. A actuación prevista nesta zona será poda, desbroce, reparación das letras de buxo de Lalín e colocación de plantas”, sinala.
Publicidade
Canda Rodríguez subliña que “o alumnado da sección sociosanitaria continúa coa súa formación coa previsión de comezar os seus traballos centrados en atención domiciliaria no mes de xuño”. “Ao longo destes meses iniciais de obradoiro realizaron a formación en manipulación de alimentos coa obtención do correspondente carné de manipulador para cada alumno/a e a visita formativa realizada á residencia DomusVi de Lalín na que comprobaron como traballan as xerontólogas coas persoas maiores nas distintas tarefas, xa que esta será unha das súas principais saídas laborais”, remarca.
“Tamén durante este período realizáronse nas dúas seccións as primeiras simulacións de entrevistas de traballo que inclúen probas prácticas que se gardan en vídeo para a súa posterior análise individualizada con cada un dos/as alumnos/as, ademais de dinámicas de grupo para mellorar diferentes habilidades na busca de emprego”, conclúe Canda.os.
Comments