O alumnado de infantil, primaria e secundaria asistirá a varias actividades lúdicas e divulgativas
Laura Moure/Melide
O Concello de Melide organiza, un ano máis, un amplo programa de actividades arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Durante un mes, o municipio acolle actividades de sensibilización e divulgación dirixidas a distintas capas de idade e sobre diversas expresións da violencia contra a muller.
A sensibilización e prevención de condutas machistas entre a mocidade é o obxectivo
dunha parte destacada das actividades previstas, que dan comezo o luns 18 de novembro
co obradoiro “Falarnos bonito” dirixido ao alumnado de 4º de educación primaria do CEIP Nº1. Ao día seguinte, o martes 19, asistirán ao mesmo obradoiro os cursos de 4º dos CEIP Martagona e Pastor Barral.

O alumnado de infantil, pola súa banda, desfrutará do espectáculo de contacontos teatral
“Aprendendo a querer”, o luns 25 de novembro na Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor. En canto ás alumnas e alumnos do IES, asistirán ao obradoiro PorNo(n) Educar
entre o 17 e o 19 de decembro.
Xestión do estrés
Entre as actividades programadas con motivo do 25 de novembro salienta o obradoiro de Autocoidado e Xestión do Estrés “Integrarme”. Esta actividade para mulleres celebrarase
o xoves 21 de novembro, ás 17 h, no centro social. Dado que as prazas son limitadas, é
preciso inscribirse previamente, ben no propio centro social, ben no teléfono 981 50 57 06.
Publicidade
Actividades o 25N
O propio día 25, a Casa do Concello acollerá ás 12 horas a lectura do manifesto co gallo do Día contra a Violencia de Xénero. Posteriormente, entre as 16 e as 20 horas, instalarase no multiusos o posto divulgativo “Fagámolas visibles”, orientado a todos os públicos. Neste
espazo exporanse non só distintas formas que pode adoptar a violencia machista, senón
os diversos machismos e micromachismos invisibilizados con presenza social.
O martes 3 de decembro, a ONG Movemento pola Paz presenta o Proxecto Migradas: Mulleres Migrantes ante a Violencia de Xénero, un evento dirixido a profesionais. O
proxecto visibiliza as diversas situacións e experiencias violentas que enfrontan as
mulleres migradas en España.
Comments