Ecos da Comarca/O Pino
O Concello de O Pino vai pechar ao tráfico o vindeiro mércores a estrada local que comunica a saída 77 da autovía Santiago-Lugo (A-54) con Cerceda para poder botarlle unha capa de aglomerado que complete o arranxo integral desta vía, que resultou moi deteriorada polas obras da A-54 e que o Ministerio de Fomento se negou a reparar no seu momento, tal e como sinala o Concello.
Esta estrada, moi utilizada polos condutores que se dirixen tamen cara Touro, permanecerá pechada ao tráfico dende o mércores, día 26, ata o venres 28. Durante estes días a empresa Cosmalca botaralle unha nova capa de aglomerado para completar a reparación integral da estrada.

"Xa no ano 2020 o Concello fixo unha importante inversión para ampliar a capa de rodadura desta estrada local, que pasou un ancho medio de 4,8 metros a unha media de 5,5 metros de ancho, cunha inversión de 30.000 euros. Agora o Concello vai facer un investimento doutros 100.000 euros para botar a capa de aglomerado que complete a remodelación integral da estrada".
"Fomento rexeitou asumir o arranxo da estrada"
Parte do deterioro desta estrada local débese a que durante a execución da A-54, a altura da actual rotonda, estaba situada a planta de concentración de áridos de toda a autovía, polo que o tráfico de camións foi moi intenso durante o tempo que duraron as obras, o que provocou o deterioro desta vía, tal e como subliña o Concello. En setembro de 2019, o alcalde remitíralle un escrito ao enxeñeiro xefe da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia, Ángel González del Río, no que lle solicitaba ao Ministerio que asumise u custo de arranxar estas estrada local. En outubro do mesmo ano , o Pleno de O Pino solicitáballe de novo a Fomento que arranxara esta estrada local de 1,2 quilómetros de longo e que tiña os marxes do asfalto totalmente danados, o que supoñía un risco para a circulación. Así o sinalaba un informe da Garda Civil de Tráfico, que recollía que nalgúns tramos desta vía, e debido a que parte do asfalto desaparecera dos laterais, non cabía un camión e un turismo. O ancho medio desta estrada é de 4,8 metros, segundo Tráfico, e en algúns puntos aínda inferior debido aos danos provocados polo paso de tráfico pesado.
Como gran parte do deterioro procede de cando se construíu a autovía, o Concello solicitáronlle ao Ministerio de Fomento que a arranxara ou asumira o custo das reparacións. Segundo os proxecto entregado naquel momento as reparacións ascendían a 106.000 euros e incluían deixar unha capa de rodadura duns 5,5 metros de ancho. "O Ministerio de Fomento respondeulle ao Concello que non se fai cargo das obras de reparación da vía. Ante esta resposta, e para non prexudicar á veciñanza e aos usuarios, o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, asinaba un decreto adxudicándolle en decembro de 2019 á empresa Cosmalca SL unhas obras de actuación urxentes para frear o deterioro da estrada e arranxar ambas marxes do asfaltado".
Estas actuacións de ampliación da capa de rodadura representaron un investimento de máis de 30.000 euros que o Concello asumiu con fondos propios, e permitirán deixar a capa de rodadura da estrada local con entre 5 e 5,5 metros de ancho. Agora, o Concello vai investir outros 100.000 euros con cargo ao plan POS+ da Deputación para botarlle a capa de aglomerado a esta vía.
Comentários