Laura Moure/Palas de Rei
A revista especializada en turismo, viaxes, patrimonio e gastronomía Infortursa recolle no seu último número unha reportaxe especial sobre Palas de Rei como “unha escapada fascinante” onde explica os principais lugares máis destacados para o visitante, ademais de facer mención ao municipio como de interese turístico, tal e como informa o Concello.
A reportaxe centra a atención no Castelo de Pambre como a única fortaleza galega que sobreviviu ás “Revoltas Irmandiñas de 1467”; a arquitectura relixiosa da igrexa de Vilar de Donas onde se fai especial mención as súas pinturas murais góticas como as mellores do se estilo en Galicia; así como, tamén destaca as Torrentes de Mácara, como un dos reclamos turísticos que ofrece “unha paisaxe chea de vida e natureza difícil de olvidar onde relaxarse e desconectar da vida urbana”, ademais de, centrarse, no elemento gastronómico máis simbólico como é o queixo da Ulloa.
Infortursa destaca a Palas de Rei dentro do especial de Os novos destinos Intelixentes. É necesario lembrar, que dende outubro deste ano, o municipio palense forma parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.

“É a importancia dos recursos cos que conta Palas de Rei, o que espertou o interese de revistas especializadas no turismo de calidade, como é Infortursa, por resaltalos e promocionalos, onde ademais destaca a importancia de Palas de Rei como municipio situado no corazón do Camiño e declarado de Interese turístico. Isto contribúe a nosa labor de difusión e de darnos a coñecer pola xeografía nacional que xa vimos mantendo coa participación en feiras especializadas en turismo, como a de Fitur. Todo isto, é moi necesario e máis nestes momentos, para axudar a un puxante sector servizos como o que
contamos aquí en Palas de Rei”, manifesta o alcalde, Pablo Taboada.
A revista Infortursa, editada ininterrompidamente dende fai 35 anos, pertence ao grupo Roldán e Asociados, S.A. e na súa liña editorial, que segue sendo unha constante, céntrase na promoción integral do turismo de calidade, destinos tanto nacionais como internacionais.
댓글