A remodelación e mellora das instalacións culturais, unha das apostas do equipo de Manuel Cuiña
Propón crear no Consistorio actual a nova Casa da Cultura e seguir mellorando o resto dos inmobles
Ecos da Comarca/Silleda
O candidato á Alcaldía e actual alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, continúa dando a coñecer o seu programa electoral para o próximo mandato, “que estará marcado
tamén pola remodelación e mellora dos equipamentos culturais”, engade. Neste senso Cuiña lembra que a veciñanza contará nos vindeiros meses cun novo salón de actos na última planta da nova Casa do Concello.

Ademais, Cuiña aposta por converter o actual consistorio nunha Casa da Cultura, un novo espazo para actividades culturais, exposicións... “Do mesmo xeito seguiremos mellorando as dependencias da Escola de Música Municipal, que hoxe é un referente en toda Galicia, así como doutras instalacións”, sinala o candidato.
Os socialistas propoñen tamén un espazo de creación aberto, con banco de recursos, mediateca e sala de proxeccións na Casa da Xuventude, no segundo andar do edificio que tamén alberta a biblioteca municipal Daniel Castelao.
No marco da acción cultural, propón un plan de dinamización para as parroquias, a promoción da artesanía como valor identitario de Silleda, ou as artes escénicas como ferramenta de integración social, co teatro como principal valedor para a posta en marcha de distintas accións nesta materia.

O apoio as/os artistas e creadores, aos colectivos culturais, a difusión e dinamización da lectura dende a Biblioteca municipal, os intercambios culturais con outros países europeos, o programa Avelaíña (para crianzas de 0 a 3 anos) ou a continuidade de Mulleres Extramuros, que é xa un referente, completan as propostas en materia cultural de Manuel Cuiña.
