top of page

A Real Academia Galega elixe ao lalinense Gonzalo Navaza académico de número

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O escritor, tradutor e destacado especialista en toponimia é profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo


Laura Moure/Lalín

A Real Academia Galega elixiu a Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) académico de número no pleno ordinario celebrado este sábado. O escritor, tradutor e destacado especialista en toponimia é profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e forma parte da RAG como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica dende o ano 2012. No pleno tamén acordaron nomear académicos correspondentes ao crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez (Vigo, 1966) e á xurista Celia Pereira Porto (Rotterdam, 1971).


Tras a lectura do discurso de ingreso en datas vindeiras, Gonzalo Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento o pasado mes de marzo do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década. O académico electo é coñecido polo gran público pola súa actividade literaria, coa que colleitou distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e o San Clemente de narrativa por Erros e Tánatos (1998).

Gonzalo Navaza. Autor: RAG.

A traxectoria como investigador en onomástica de Gonzalo Navaza comezou nos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outras obras, publicou Fitotoponimia galega (2006), un traballo monumental que recolle preto de 8.000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas, e que foi galardoado co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021). O académico electo é ademais parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos e escribiu numerosos artigos sobre os topónimos, os nomes persoais e os apelidos do país. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, e dende o ano 2012 forma parte como académico correspondente do Seminario de Onomástica, entre outros méritos.



A tradución é outro campo da lingua que traballou con éxito. Verteu ao galego clásicos universais como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe (1986). A súa versión galega doutro éxito de Conan Doyle, O can dos Baskerville, foi recoñecida co Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1991), a d’A traxedia do home recibiu o Madách Award (2003) e a d’As flores do mal de Baudelaire o Premio de Tradución Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2009).


Área de dicionarios

Gonzalo Navaza desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, é autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas e foi membro do equipo redactor dos programas oficiais de Lingua e literatura galegas para bacharelato e formación profesional (1984) e do seminario permanente de Literatura galega de COU (1988-1995).

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page