Tivo lugar unha charla impartida por Carmen Villanueva que indagou no centenar de cartas
escritas por el ou vencelladas con el que se conservan no Arquivo Histórico Universitario de Santiago
Laura Moure/Lalín
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu ao matemático José Rodríguez González (Lalín, 1770 - Santiago de Compostela, 1824) como “Científico Galego de 2024”, coincidindo co bicentenario do seu falecemento. Para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade, vanse programar unha serie de actividades ao longo deste ano.
Esta luns celebrouse unha conferencia no marco de “Os Luns do Ateneo”, na sede de Afundación en colaboración co Ateneo de Santiago, o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.
A conferencia impartiuna a investigadora Carmen Villanueva, licenciada en Química pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Física Aplicada. Presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo en 2023 sobre o matemático Rodríguez, co título “José Rodríguez González (1770-1824), matemático, geodesta, astrónomo, naturalista e viaxeiro científico por Europa”. Dirixiuna o catedrático de Astronomía da USC José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Publicidade
Carmen Villanueva localizou información descoñecida ata o momento sobre o matemático Rodríguez A investigadora salienta que José Rodríguez pode considerarse como “o primeiro gran cientifico galego”. Lembra que naceu en Bermés, unha parroquia de Lalín no interior da Galicia rural. “Destinado pola súa familia á vida relixiosa, a súa mente inqueda, a súa intelixencia e as relacións establecidas durante a súa etapa de estudante na Universidade de Santiago levárono a tomar un camiño diferente. En 1801 gañou a cátedra de Matemáticas da Universidade compostelá e dous anos máis tarde partiu cara
a París para ampliar estudos. Estudou matemáticas, astronomía, xeodesia e mineraloxía en Francia, Inglaterra e Alemaña con persoeiros da categoría de P. S. Laplace, J. B. Biot, F. Gauss ou A. G. Werner” -apunta Villanueva-.
Catedrático de Matemáticas Sublimes, participou na expedición francesa para medir o meridiano entre Barcelona e Baleares co obxecto de definir o metro coa maior precisión.
En 1812 un artigo seu publicado en Philosophical Transactions, revista da Royal Society de Londres, provocou unha gran controversia no país, o que o fixo coñecido en toda Europa. En 1819 foi nomeado profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturales de Madrid e director do Real Observatorio da cidade. Ademais, entre 1820 e 1822 foi deputado en Cortes por Galicia.
Publicidade
Villanueva elaborou unha ampla biografía científica, política e persoal de José Rodríguez. Para a realización da súa tese de doutoramento, a investigadora sinala que foi fundamental a información obtida da transcrición das arredor de cen cartas escritas por José Rodríguez ou relacionadas con el que se conservan no Arquivo Histórico Universitario de Santiago. “Outros arquivos como o do Museo de Ciencias Naturales de
Madrid, o General de la Marina de Viso del Marqués (Ciudad Real), o Arquivo Nacional de Francia de París ou o da Royal Society londinense permitíronme localizar información descoñecida ata o momento” -apunta-.
“O matemático Rodríguez faleceu en Santiago de Compostela o 30 de setembro de 1824 e foi sepultado na igrexa de San Agustín. Científico moi pouco recoñecido, tanto en Galicia como no resto de España, é o momento de poñer en valor as súas valiosas contribucións” -manifesta a investigadora-.
Comentários