Cornado Mina Non considera que "o maior desastre ambiental de Galicia confirma esta afirmación e que se trata dunha cortina de fume para sacar adiante o seu plan extractivo"
Ecos da Comarca/Touro
A Plataforma Veciñal Cornado Mina Non afirma que o denominado lugar do Portaguzo, situado no tramo medio do río Portapego, "alberga a paraxe máis contaminada existente a día de hoxe a nivel galego co acúmulo de milleiros de toneladas de depósitos de sedimentación de lodos tóxicos de mina cun grosor que nalgúns puntos alcanza varios metros de profundidade". Asegura que en toda a documentación presentada durante estes anos durante proceso de tramitación de Cobre San Rafael para levar adiante a reapertura da explotación de Touro e nos últimos anuncios feitos pola empresa de presunta “depuración” das augas coa instalación de dúas plantas de tratamento, "non hai un só indicio por parte da filial de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas que invite a pensar que se vai facer cargo desta desfeita ambiental que non só afecta a este sector do Portapego senón a ducias de quilómetros doutros regos e ríos da bisbarra que derivan finalmente na bacia do Ulla".
Exercicio de "minería para incautos"
Ao final, indica a plataforma, " o anuncio da empresa supón un exercicio de “minería para incautos” dado que ao atoparse fóra do contexto da mina histórica e da propia concesión o suposto “novo” proxecto de Cobre San Rafael non contempla -nin contemplará- restauración algunha para a inmensa afectación superficial e subterránea da actividade metalífera previa".
Doutra banda, sinala que "a lexislación indica que a restauración non ten que ser consecuencia do desenvolvemento dun novo proxecto como pretende agora a mineira, senón que a Administración ten que velar polo cumplimento da normativa aplicable, que neste caso indica de maneira clara que o adecuamento ambiental ten que ter un carácter previo e debe solventarse por parte da actual propietaria da concesión, algo que Explotaciones Gallegas está a obviar ao longo das últimas tres décadas". Neste punto, recalca, " é necesario considerar, ademáis, a operativa que está a seguir Atalaya Mining no seu proxecto andaluz de Riotinto, que acumula expedientes sancionadores, escándalos
internos, altos niveis de sinistralidade laboral e incumprimentos en materia ambiental, o que levou mesmo á Fiscalía a actuar de oficio, poñendo así en cuestión calquera tipo de promesa que alén da propaganda ou a publicidade pagada poda facer a mineira para sacar adiante o seu negocio".
Comments