top of page
Perruquería Marisa.gif

A programación de Nadal arzuá comeza hoxe e prolongarase ata o 5 de xaneiro con moitas iniciativas

Inclúe un espectáculo dos Bolechas, o Día do Comercio, moita música, a votación popular do Concurso de carteis da Festa do Queixo, literatura, teatro, maxia, inchables, obradoiros e a tradicional Cabalgata dos Reis Magos


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa xa ten preparada a programación de Nadal 2022-2023 que dará comezo hoxe, sábado, cun espectáculo dos Bolechas. Completarase co Día do Comercio, moita música, a votación popular do Concurso de carteis anunciadores da 48ª Festa do Queixo, literatura, teatro, maxia, inchables, obradoiros e a tradicional Cabalgata dos Reis Magos.

Nadal en Arzúa no 2020. Autor: Ecos da Comarca.

Así comenzará hoxe coa representación do espectáculo infantil O aniversario do avó de Os Bolechas ás 18:00 horas na Capela da Madanela. O xogo combínase coa aprendizaxe da man dos coñecidos personaxes creados por Pepe Carreiro. Loli, Chispa, Tatá, Braulio, Sonia, Pili e Carlos volven con outra aventura chea de diversión que atrapará aos máis pequenos desde o inicio da función. Unha actividade lúdica e didáctica dos Bolechas dirixida a toda a familia e enmarcada dentro do programa da Xunta de Galicia FalaRedes.


As actividades terán continuidade coa celebración do Día do Comercio Local o 8 de

decembro e co concerto de Nadal da Rondalla Moraima o sábado 10 ás 20:00h na Casa da Cultura.


A música terá máis presenza co segundo ciclo para público adulto Nadal Sonoro que

ofrecerá tres concertos na Capela da Madanela ás 21:00 horas. O venres 16 actuará Las Antonias en formato trío, o 23, Silvia Penide e Carla López coa proposta Femininoplural e o 30 de decembro Leticia Rey Dúo.

O venres 16 tamén terá lugar a votación popular do Concurso de carteis anunciadores

da 48ª Festa do Queixo en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:30 a 20:30. As propostas

presentadas a este concurso poderanse ver na Madanela do 19 ao 23 de decembro e os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 18:30 a 20:30horas.


O día seguinte, o venres 17, contarase con dúas propostas na Capela da Madanela. Pola mañá, ás 12:00 horas , terá lugar o acto de presentación da obra Virtudes (e misterios) co autor Xesús Fraga organizado polo Club de Lectura Municipal de Arzúa. Esta novela acadou o Premio Nacional de Narrativa 2021, o Premio Blanco Amor 2019 e o Premio da Crítica de Galicia 2021. Pola tarde, ás 18:00 horas, a través do CIM, a compañía Ste Xeito Producións representará a función teatral Feminíssimas.


A partir do venres 23 de decembro, coincidindo co inicio das vacacións escolares, a

programación céntrase especialmente no público infantil e familiar. O venres 23 a Biblioteca acollerá o contacontos As viaxes do Apalpador a partir das 18:00 horas e o mércores 28 será quenda para a maxia da man do Mago Teto co espectáculo Rock & Magic que contará con música en directo no Multiusos Terra do Queixo ás 18:00 horas. Por último, os días 3 e 4 de xaneiro o Multiusos acollerá un parque de inchables e obradoiros en horario de 17:00 a 20:00 horas.


O 5 de xaneiro a programación de Nadal pecharase coa Cabalgata de Reis que recuperará o seu formato tradicional percorrendo as rúas da vila. Os Reis Magos realizarán o clásico percorrido dende a Casa da Cultura ata o Multiusos Terra do Queixo, acompañados de animación, agasallos e moitas sorpresas. A saída da comitiva será ás 17:00 horas e rematará coa recepción a todas as nenas e nenos por parte das Súas Maxestades.


A Concelleira de Cultura, Aurora Varela, convida a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar desta programación que se presenta como “un amplo e variado abano de posibilidades para o tempo de lecer durante o Nadal con propostas para todos os públicos”.

83 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page