A prevención e actuación en incendios súmanse ás xornadas de emerxencias da feira Sedexpo 2025
- Laura Moure
- 24 mar
- 3 Min. de lectura
Celebrarase do 26 ao 28 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda)
Laura Moure/Silleda
A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, que se celebrará do 26 ao 28 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), abordarán as emerxencias desde distintos ámbitos tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades. Así, ademais das inundacións, os fenómenos meteorolóxicos adversos, a contaminación mariña e o salvamento marítimo, outros dos protagonistas serán os incendios, especialmente os forestais.
Sobre este ámbito, a Asociación Española de Loita contra o Lume (ASELF) organizará unha xornada sobre o sistema “Human External Cargo, con dobre gancho baricéntrico” e operacións “Short Haul”. Ademais, os incendios forestais estarán presentes en conferencias como “A dixitalización na loita contra incendios forestais. Axuda na toma de decisións”, por parte de José Luis Saiz, de Avincis, e as “Matemáticas ao servizo da loita contra incendios, de man de Marta Rodríguez e María José Ginzo, de CITMAga, ambas incluídas nas Xornadas do Polo Aeroespacial de Galicia. Sumaranse conferencias baixo os títulos “Xestión automatizada e global de incendios forestais”, no caso da xornada de Ororatech e “Drons: gardiáns do ceo, desafíos en terra: loita contra incendios”, na de Ritrac
Internacional.

Fire Res
Dentro do ámbito dos incendios forestais destacará especialmente o work-shop e simposio Fire Res, proxecto europeo cuxo obxectivo é conseguir unha estratexia holística e integrada de xestión de incendios para abordar de maneira eficiente e eficaz os eventos extremos de incendios forestais en Europa a través de 11 living- labs, grazas ás súas accións de innovación. En Galicia desenvólvese o chamado living-lab Atlántico e nel trabállase no deseño e experimentación con medidas de protección dos núcleos rurais ante as emerxencias derivadas dos incendios forestais extremos, para tentar crear un modelo de aldea segura. Organizado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a cal forma parte do proxecto como socio de pleno dereito, contará coa intervención dunha vintena de expertos de distintos puntos de España, Portugal e Francia.
Publicidade
O work-shop, que será inaugurado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, terá lugar o primeiro día de feira baixo o título “Interface Azul”, abordando
temas como “Os pobos seguros de Portugal - Aldeia Segura e Condominio de Aldeia”, “Máis alá do IRDI: situacións atmosféricas que incrementan o risco de incendios e a súa repercusión na Interface Rural”, “Comportamento dos incendios forestais e evolución dos factores socio-económicos no ámbito rural”, “O traballo dos voluntarios de Protección Civil en incendios forestais. Formación, prevención e intervención”, “A interface desde o punto de vista: da Dirección Técnica de Extinción: a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), da análise dos incendios forestais: a Unidade Táctica e de Análise (UTA) e da investigación: a Unidade de Investigación (UIFO)” e o “Risco de Interface urbano-forestal nas provincias galegas: características comúns e diferenciais”. Conferencias ás que se unirá unha demostración da Unidade Batracio Ancares denominada “Manobra de protección de infraestruturas (Defensa Interface)”.
En canto ao simposio, que será inaugurado por coordinadores do Living-Lab Atlántico, conta co título “Incendios Forestais Extremos” e analizará aspectos como “Situacións sinópticas comúns nos incendios forestais. Estudo caso práctico: furacán Ophelia, 2017”, “O lume na xestión da paisaxe”, “Interoperatividad, sistema de comando e control ICS”, “Importancia da formación e das prácticas operativas para que as forzas de resposta europeas dispoñan dunha maior capacidade de colaboración”, “Factores que orixinan o comportamento extremo dos incendios forestais”, “Grupo Operativo de Apoio e Loxística en emerxencias” e “Incendios forestais extremos”.
Comments