top of page

A posta en marcha da nova EDAR do Pino garante un servizo de calidade para 1.200 veciños de 5 núcleos

Os traballos incluíron tamén a execución dunha nova estación de bombeo de augas residuais e das conducións necesarias para garantir o seu correcto funcionamento


Laura Moure/O Pino

A Xunta puxo en valor este mércores as obras de mellora da rede de saneamento e depuración finalizados no concello do Pino, incluída a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), que na actualidade xa está dando servizo a arredor de 1.200 veciños pertencentes a cinco núcleos rurais do municipio. Durante a súa visita ás instalacións, localizadas na parroquia de Santaia de Arca, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que aínda que de momento a EDAR beneficia a todos os habitantes dos núcleos do Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón, ten capacidade para poder atender unha poboación equivalente de máis de 3.000 habitantes, polo que está preparada para afrontar posibles incrementos futuros de poboación, xa sexan estables ou puntuais.


A responsable autonómica, acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou que os traballos executados incluíron tamén a dotación dunha estación de bombeo de augas residuais (EBAR), o acondicionamento de 1.230 metros dun colector existente na marxe do rego do Burgo e a instalación de 640 metros de novas conducións para conectar coa nova depuradora. En total, o investimento da Xunta na realización destas actuacións suma 2,2 millóns de euros.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

As obras, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), foron executadas por Augas de Galicia e postas á disposición do Concello do Pino para que asumira a súa explotación a finais de 2024, polo que xa levan varios meses en servizo.


Mellora da rede

Ángeles Vázquez salientou que esta actuación se enmarca na estratexia da Xunta de mellora continua das redes de abastecemento, saneamento e depuración existentes na Comunidade co obxectivo de mellorar a calidade das augas galegas no seu conxunto e colaborar técnica e economicamente cos concellos no exercicio das súas competencias.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

De feito, este compromiso reflíctese cada ano nos orzamentos do organismo hidráulico autonómico, que en 2025 subiron preto dun 5 %, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando os servizos relacionados coa auga a través da mellora e da construción de infraestruturas, da formación e da divulgación e da execución de políticas activas de resposta fronte ao cambio climático, entre outras.


Nesta liña, cómpre lembrar que só no que vai de ano Augas de Galicia puxo á disposición dos concellos galegos e das comunidades de usuarios un total de 6,9 millóns de euros a través da convocatoria de seis liñas de axudas co obxectivo común de mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento e de saneamento municipais, ofrecendo un mellor servizo neste eido á cidadanía.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page