A Policía levanta sete actas de infracción en Arzúa polo consumo de alcohol por menores
- ecosdacomarca

- 16 feb 2025
- 1 min de lectura
Ecos da Comarca/Arzúa
Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita de Galicia en Santiago de Compostela levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o día 7 de febreiro na localidade de Arzúa. Como resultado das inspeccións en 17 locais, os axentes levantaron sete actas de infracción por carecer os establecementos de cartel informativo da prohibición de venda e subministro de alcohol a menores de idade que foron remitidas á Consellería de Sanidade.

Publicidade
O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e a subministración a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares, pubs ou discotecas como en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.








Comentarios