A Plataforma Veciñal Touro-O Pino Mina Non reúnese con deputados do PSOE e do PP
- ecosdacomarca

- 30 ene 2025
- 3 min de lectura
Hoxe estará recollendo alegacións na Praza de Abastos de Santiago
Ecos da Comarca/Touro
Membros da Plataforma Veciñal Touro-O Pino MINA NON reuníronse esta semana con deputados do PSOE e do PP para expresarlles as súas preocupacións ante a posible reapertura da mina de Touro O Pino. O 31 de xaneiro remata o prazo para presentar alegacións a este proxecto.
Por un lado, as deputadas do PSdG-PSOE, Paloma Castro Rey, responsable de Medio ambiente, e Patricia Iglesias Rey, de Enerxía e Minería, recibiron este martes Parlamento de Galicia a unha delegación da Plataforma Veciñal Touro-O Pino MINA NON, respondendo así á solicitude que tiña realizado a citada Plataforma.

Ao longo das dúas horas que durou a entrevista, os e as representantes veciñais explicaron polo miúdo as razóns da oposición cidadá á reapertura da mina de cobre en Touro-O Pino, "por ser gravemente prexudicial para a saúde das persoas, para o Medio ambiente, para a economía agro gandeira da zona,e máis alá para todos os pobos da Ribeira do Ulla e para a propia Ría de Arousa e a súa actividade pesqueira e marisqueira".
As deputadas do PSOE manifestaron non só a súa comprensión e empatía coa problemática exposta, senón que se mostraron contrarias a reapertura da mina, iso si, a nivel persoal, comprometéndose a trasladar ao seu Grupo e ao Partido as inquedanzas e razón expostas e a defender no, seu seo, o posicionamento contrario á reapertura da dita mina de cobre. Amosaron tamén o seu interese por visitar persoalmente a zona afectada. Visita que quedaron de concertar cos membros da Plataforma
Publicidade
Por outra banda, onte os deputados do PP, Gonzalo Tremor, portavoz de Medio ambiente, e Rubén Lorenzo, portavoz de Industria e enerxía recibiron no Parlamento de Galicia a unha delegación de cinco representantes da Plataforma Veciñal Touro-O Pino MINA NON,
respondendo así á solicitude que tiña realizado a citada Plataforma.

Na entrevista, os representantes veciñais expresaron a súa preocupación pola posibilidade de reapertura da Mina de cobre. Sinalaron a agresión que suporía, por exemplo, vivir a carón (200 metros) dunha balsa de residuos tóxicos de 80 metros de altura, 3 quilómetros de longo e 125 hectáreas de superficie. Ou establecer unha industria contaminante nunha comarca próspera como a de Arzúa con granxas que suman máis de 35.000 cabezas de gando, e máis de 13.000 en ambos concellos afectados, que son sustento dun gran número de familias que viven da agricultura; ou co Camiño Francés de Santiago discorrendo a escasos 2 quilómetros dunha mina a ceo aberto, con explosións constantes, aire contaminado e pó en suspensión. Entenden os veciños que, cun proxecto
practicamente idéntico ao anterior, xa rexeitado polo Goberno Galego, non debería nunca ser declarado de interese estratéxico e non debería contemplarse sequera a posibilidade de ser aprobado pola Xunta de Galicia.
"Os deputados do PP trataron de xustificar a declaración do proxecto de reapertura da mina como de interese estratéxico e sinalaron tamén que estaban preocupados polo asunto e, tras algunha dúbida, aceptaron considerar a posibilidade de visitar a zona da mina, se ben non comprometeron nin estableceron data. Tras 45 minutos, a entrevista rematou. O encontro, que transcorreunun clima de cordialidade pero, iso si, sen concreción de acordo ou medida a tomar ningunha", sinala a plataforma.
Hoxe, 30 de Xaneiro, penúltimo día do período de alegacións, a Plataforma establecerá unha mesa informativa e de recollida de alegacións na Praza de Abastos de Santiago.







Comentarios