top of page

A Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non participa nun encontro sobre os impactos da minería

Este tivo lugar en Badajoz e acudiron colectivos de Galicia, Asturias, Estremadura, Murcia, Andalucía e Portugal


Ecos da Comarca/Touro/ O Pino

A Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non participou, xunto con outras plataformas cidadáns procedentes de varios puntos da península en Alconchel, Badajoz, no I Encuentro Ibérico sobre impactos sociales y ambientales de la minería, organizado polo Observatorio Ibérico de la Minería, Ecologistas en Acción e a plataforma cidadá Alconchel sin minas- Comarca de Olivenza sin minas, que tivo lugar do 12 ao 15 de outubro.


"No transcurso do encontro puidemos coñecer os resultados do proxecto MINOB- Observatorio Ibérico da Minería que recolleu máis de 100 casos de explotacións mineiras na peníncula, con distintos tipos de infraccións, que tamén contou coa participación do Director de Políticas Palanca vía en liña, que felicitou o rigoroso traballo realizado neste proxecto e as numerosas referencias que se dan en cada caso estudado e analizado. Neste proxecto un dos primeiros casos que se documentou desde o inico foi o da mina de Touro, que puidemos coñecer na sesión de presentación deste traballo hai agora un ano na nosa localidade", explica o colectivo.

"A este encontro acudimos colectivos de Galicia, Asturias, Estremadura, Murcia, Andalucía, Portugal, intercambiamos experiencias, aproveitando este encontro para analizar a situación do extractivismo dende unha vertente xurídica, social e económica, buscando alternativas para trasladar á sociedade os motivos das nosas posicións en cada territorio e tamén como colectivos que nos une unha causa común contra a apertura de minas, contra o extractivismo, que quere mudar totalmente o noso territorio e os nosos modos de vida, sen consentimiento, a cambio dunha herdanza envelenada e destrutora do noso patrimonio cultural, histórico, mediaombiental, hídrico, da biodiversidade, dos nosos recursos económicos, ao máis puro estilo colonial coas novas estratexias de márketing e comunicación ao seu servizo baixo o anuncio da tan ansiada e excesiva, transición enerxética, que promove o consumo sen límite nas urbes á conta da destrución e o baleirado do rural, converténdonos en zonas de sacrificio para cubrir unhas necesidades de consumo excesivas e artificiais, creadas por quen promove ese tipo de actividades extractivistas, co único interese de encher os petos dos seus accionistas", apunta.


O encontro, sinala, propiciou un foro no que comprobar que "dá igual a zona, o territorio, as intencións e as actitudes do extractivismo son as mesma, desde San Finx e Touro a Tapia, de Alconchel e Olivenza a Cañaveral pasando por Cáceres, de Riotinto ou Morón ao Chairo do Beal, de Covas do Barroso a Serra da Estrela, os discursos e os patrocinios son sempre os mesmos, con todo a realidade que nós vivimos é ben distinta deses discursos, moi doada de comprobar, rebater e contrastar, só teñen que achegarse a visitar estas terras e poñer o seu corpo fronte ao territorio con ese discurso; cando unha pon o corpo fronte á enorme balsa de lodos mineiros tóxicos de RíoTino de máis de 500 hectáreas, é consciente

dos riscos e lembra Aznalcollar, aprendemos a dicir isto non é o futuro que queremos, existe outra fórmula".


Publicidade


Apostamos, insiste a asociación, "por seguir coas nosas loitas, unidas, somos cada día máis veciños e veciñas que nos unimos e buscamos alianzas entre quen teño o mesmo sentir, tocounos vivir esta etapa e quen veñen detrás demandaránolo se non o facemos. Dende a Plataforma veciñal mina Touro O Pino NON agradecemos este tipo de encontros e que nos convidaran para participar, saímos reforzadas e enriquecidas; cargadas de máis razóns para continuar coa nosa oposición e negativa constante á reapertura da explotación mineira e continuamos coa esixencia da restauración dos terreos e as augas, negándonos a que se legalicen as autorizacións de verteduras de calquera tipo de augas procedentes dos terreos da mina aos ríos do dominio público hidraúlico".


Actualmente, resalta, "despois de obter unha Declaración de Impacto ambiental a reapetura da mina, sobre todo polos riscos de contaminación á conta hídrica Ulla-Deza, está a exposición pública unha petición de autorización de verteduras de augas ao DPH por parte da empresa propietaria da mina, a quen lle foi requirido en 2018 un proxecto que eliminase a saída de augas procedentes da mina aos ríos, ao constatarse que estaban contaminadas por drenaxe aceda de mina froito da actividade mineira clausurada 30 anos atrás. Quedou de manifesto así que se vertían aos ríos da contorna mineira sen ningún tipo de vixilancia nin control, augas acedas cargadas de metais pesados, o que provocou a morte de toda a fauna e flora dos ríos nestes anos".


Publicidade

Alegacións

Neste paso "atopámonos estes momentos, a solución achegada pola empresa ao noso entender non cumpre cos requirimiento esixidos e por tanto presentaremos alegacións argumentadas avaladas por expertos co fin de demostrar a inviabilidade desta petición e a necesidade de esixir outras fórmulas aos danos ocasionados ás augas froito da minería e que en ningún caso pasan por volver realizar actividade mineira nunca máis nestas terras, entre os que está a apertura dun expediente sancionador. Estudaremos todas as vías legais para evitar que esta autorización de vertedura autorícese xa que, sospeitamos, que o único que pretende é obter a escusa perfecta para poder presentar un novo proxecto mineiro, unha vez que conte coa autorización de augas para verter augas dunha depuradora dos seus usos industriais, un proxecto que debería tramitarse no marco dun plan de restauración integral da zona", adianta a asociación.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page