O Barbanza está “preocupado porque é un dos receptores da auga do Ulla que quere captar, contaminar e verquer en Palas de Rei"
Laura Moure/Xeral
A Plataforma Ulloa Viva participou este sábado en Rianxo nunha mesa redonda informativa organizada polo BNG do Barbanza no Auditorio de Rianxo sobre o proxecto de Altri na beira do Ulla en Palas de Rei. A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, explicou o proxecto xunto ao secretario técnico de Adega, Fins Eirexas e a presidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé de Carril, María Porto. Segundo explicou o responsable do BNG, Adolfo Muíños, o que pretende esta iniciativa é “dar a coñecer o proxecto de Altri na Ulloa que a convocamos dende abaixo porque somos conscientes de que calquera proxecto que teña que ver co Ulla nos afecta”.
A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, aproveitou esta mesa redonda para
informar á veciñanza do Barbanza do “desastre ambiental e socioeconómico” que Altri
suporía para Palas de Rei, a Ulloa, o Ulla e tamén para os 146.000 habitantes dos 11
concellos que beben da auga deste río e para a producción marisqueira da Ría de Arousa.
“Somos as plataformas veciñais, as mariscadoras e as asociacións ecoloxistas os que
temos que vir informarvos, porque a Xunta non da a cara” criticou Marta Gontá, que
convidou unha vez máis “a Rueda, á conselleira de Medio Ambiente e á de Economía a que “deixen de falar nos medios de proxectos tractores, redondos e supersostibles e veñan ás zonas afectadas a decirnos á cara aos veciños e veciñas que isto non é unha celulosa, ninbio nin eco, unha macroempresa contaminante”.
Gontá destacou que “non é a Plataforma Ulloa Viva a que inventa os datos, as cifras están
no proxecto de Altri publicado no Diario Oficial de Galicia. Unha celulosa de 366 hectáreas
cunha cheminea de 75 metros, que vai a producir 400.000 toneladas de celulosa por
250.000 de lyocel e que precisa 46 millóns de litros da nosa auga ao día, fai verquidos
contaminados ao Ulla e ainda por riba quere 250 millóns de euros de cartos públicos”.
A Plataforma Ulloa Viva considera que con esta inxección de cartos públicos “calquera
administración responsable financiaría proxectos no territorio, pequenas e medianas
empresas que se están a desenvolver no rural galego e que sen moito esforzo e con esa
axuda podemos duplicar os postos de traballo que dí Altri que vai crear en Palas”.
Publicidade
Ademais Gontá agradeceu o traballo “conxunto , responsable e solidario” dos concellos que se abastecen do Ulla e da Ría de Arousa, para informar aos veciños e veciñas nun “momento crucial” xa que estamos en periodo de presentar alegacións logo de publicarse no DOGA o pasado 4 de marzo a exposición pública deste proxecto. O prazo remata o vindeiro 17 de abril.
Gontá agradeceu especialmente a Adega e aos colectivos coma a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa o seu apoio e o seu traballo en común para “defender o corazón de Galicia dun desastre ambiental e socioeconómico sen precedentes”. A voceira concluíu
que “están poñendo moi difícil vivir no rural, están poñendo moi difícil vivir do mar só nos vai quedar emigrar e deixarlle a terra a estas multinacionais usurpadoras”.
O secretario técnico de Adega, Fins Eirexas, sinalou que Altri “non pode ocultar o proxecto
agora que está no DOGA, así que teñen que contar a verdade, o de Palas é unha celulosa
das de toda a vida”. Eirexas lembrou que unha celulosa “é unha fábrica química, un polo
químico que quere instalarse no Alto Ulla” e no caso do proxecto de Altri en Palas sinalou
que “será nun 66% celulosa e un 30% de fibras téxtis”. Destacou que no caso de Lourizán
“Ence acabou con todo o sector productivo da Ría de Pontevedra, e a de Altri en Palas é
por 3 en potencia e produción e por 10 en superficie maior ca Ence”.
Eirexas tamén deixou claro este sábado en Rianxo que a propia Altri recoñece no DOGA que quere “un modelo de industria de enclave”, o que na práctica supón “que usan os nosos recursos naturais de xeito intensivo, deixando contaminación e trasladan o valor engadido que xeneran a outro lado. O que ven sendo unha industria carracho”. Advertiulle a Altri que Adega está persoada neste procedemento e que “informaremos á opinión pública e estaremos vixiantes para que este desastre non pase desapercibido”.
Mariscadoras afectadas
Pola súa banda, a presidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé de Carril, María Porto,
explicou que a cantidade de auga que Altri quere consumir no río Ulla no encoro de
Portodemouros “restaríalle caudal ao río provocando que a contaminación chegue menos
diluída e producindo máis danos aos bancos marisqueiros da Ría de Arousa”. Segundo
explicou esta mariscadora de Carril, “Altri vai a botar ao río cantidades moi importantes de
materia orgánica e de químicos Que vai usar para fabricar a celulosa e o lyocel, e iso vai a
afectar moito a unha Ría xa moi debilitada”.
Publicidade
Porto falou do cambio climático e os efectos que está a provocar de por si na produtividade marisqueira arousá. Sinalou que a falla de ventos do nordés provoca menos renovación da auga da Ría, o que provoca “que os bivalbos engorden menos e estean máis debilitados”. Nesta situación, a presidenta das mariscadoras a pé de Carril alertou de que “calquera contaminación a maiores ten máis impacto porque se dilúe menos na auga”.
Ao respecto do sector mar industria na zona e a afectación do proxecto de Altri, o voceiro do BNG do Barbanza, Adolfo Muíños, tamén advertiu que na zona hai moitas fábricas de
conserva “que teñen un consumo moi grande de auga, e tamén nos preocupa que si se
consume moito o río non leve caudal abondo e acabe derivando en problemas de
abastecemento á rede da industria conserveira da zona”. Muíños tamén destacou a
preocupación polo feito de que Altri “afonda na liña de eucaliptización do país. Nós tamén
temos ración de eucaliptos e incendios e é algo que rexeitamos, nos ven a Ence dous”.
Comments