A voceira, Marta Gontá, explica que o verquido que a empresa prevé en O Sexo (Agolada) “son 30 millóns de litros de auga tratada, pero contaminada”
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A Plataforma Ulloa Viva quere saír ao paso das declaracións ao respecto do proxecto de Altri en Palas de Rei feitas este mércores pola conselleira de Medio Ambiente en función, Ángeles Vázquez, nas que xustifica a captación de 46 millóns de litros de auga ao día que pretende a empresa no encoro de Portodemouros e ao mesmo tempo asegura que vai cumplir con todos os condicionantes dende o punto de vista ambiental. "Dende a Plataforma lembrámoslle á Xunta de Galicia que só o feito de que unha empresa capte tal cantidade de auga xa vai contra o medio ambiente porque non é posible manter o ecosistema sin esa inxente cantidade de auga”.
A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, critica ademais o feito de que a responsable de Medio Ambiente do Goberno galego diga que esa auga se vai a reutilizar, cando o proxecto exposto pola Xunta no Diario Oficial de Galicia deixa claro que Altri vai a verquer ao Ulla “30 millóns de litros de auga” a 2 quilómetros da zona de captación, na parroquia agoladesa de O Sexo. Segundo explica Gontá “esos 30 millóns de litros é un verquido de auga contaminada, tratada pero contaminada, a pesares de que a empresa diga no seu proxecto que os valores contaminantes están por debaixo dos límites permitidos legalmente".
Diante destas afirmacións da Xunta de Galicia en defensa do proxecto de Altri en Palas de
Rei, a Plataforma Ulloa Viva lamenta que o Goberno galego “que nestes dous anos non
respostou a ninguna das nosas peticións de información ao respecto, saia agora a defender o indefendible cando xa o proxecto é público e os veciños e veciñas afectados sabemos realmente a dimensión do desastre medioambiental que Altri quere perpetrar na Ulloa”.
Publicidade
Marta Gontá convida á Xunta de Galicia a “deixar de defender á multinacional portuguesa e comezar a velar polos galegos e galegas e polo noso territorio”. A Plataforma considera que “as facilidades que a Xunta leva meses dándolle á empresa para a súa implantación en Palas de Rei contrasta coa falla de información e transparencia que temos os veciños e
veciñas das zonas afectadas”. Gontá explica que a Plataforma se puxo en contacto en varias ocasións coa Xunta de Galicia para ofrecerlle a posibilidade de informar á veciñanza e aclarar dúbidas e preocupación a respecto de Altri “e nunca contestaron, nin informaron, nin tiveron en conta a normal preocupación dos veciños e veciñas”.
Ulloa Viva está ademais sorprendida porque “a única defensa que unha responsable de
medio ambiente ten do proxecto de Altri é que será un proxecto tractor para a economía
local”. Segundo asegura a nosa voceira, “di moi pouco de alguén que ten que velar polo medio ambiente deste país que poña criterios económicos por riba da protección
medioambiental e a saúde da ciudadanía”.
Contaminación atmosférica
Ademais, dende a Plataforma Ulloa Viva, á vista do proxecto de Altri, publicado o pasado 4
de marzo no DOGA, gustaríanos tamén que alguén da Xunta de Galicia “veña a resolver as
nosas dúbidas a respeto da contaminación atmosférica que a actividade da celulosa vai a
provocar no noso territorio. Distintos expertos xa teñen sinalado á vista dos datos da
empresa, que as emisións da mesma van afectar entre 10 e 30 quilómetros arredor da
planta, e entre a veciñanza hai preocupación polos efectos desa contaminación do aire na
saúde dos veciños e veciñas en 300 quilómetros cuadrados”, explica Marta Gontá.
Publicidade
Por iso dende a Plataforma Ulloa Viva “volvemos a convidar á Xunta de Galicia a que nos
informe, nos escoite e sexa transparente”. Marta Gontá asegura que “estaremos alí onde
nos convoquen para explicarnos cal é a súa postura ao respecto dos problemas
medioambientais que vai ocasionar Altri na Ulloa e os conseguintes problemas e efectos na
saúde dos veciños e veciñas da zona”.
Por riba de todo, a Plataforma Ulloa Viva quere deixar claro a todos os axentes implicados
neste proxecto que “os veciños e veciñas da zona non imos permitir que nos obriguen a
beber auga contaminada e a respirar aire contaminado a cambio duns poucos postos de
traballo”.
Comments