O eurodeputado lalinense do PSOE Nicolás González anuncia que “apoiará” a denuncia da plataforma a respecto do Proxecto Gama
Laura Moure/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva rematou este martes “satisfeita” a xeira de reunións no Parlamento e a Comisión Europea arredor da problemática do proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. O obxectivo desta viaxe era presentar o informe feito para Ulloa Viva por expertos independentes ao respecto do Proxecto Gama, e "cumpriuse esta comunicación “alertando” en distintas instancias comunitarias dos incumprimentos da normativa comunitaria do proxecto de Altri en Palas tanto a nivel de consumo de auga, coma de impacto socioeconómico na zona, na biodiversidade, a contaminación e na saúde das persoas".
Ao longo de onte en Bruxelas, representantes da Plataforma Ulloa Viva mantiveron, dentro da delegación convidada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reunións con representantes da Comisión Europea, coma a encargada dos fondos Recover, María Teresa Fábregas, directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e
Resiliencia da Comisión Europea, e e membros da Dirección Xeral de Medio Ambiente da UE.
Fábregas confirmou neste encontro de traballo que non hai polo de agora solicitude oficial
por parte do Estado español para este proxecto ao respecto dos fondos europeos que Altri
quere captar dentro do PERTE da descarbonización. Segundo trasladou esta responsable
comunitaria á delegación, en canto este proxecto chegue a Bruxelas “deberá cumprir con
todos os principios e esixencias de transparencia, medioambientais e de conflicto de
intereses que tería que ter un proxecto destas caraterísticas”.
Segundo trasladou a vicepresidenta da Comisión de Peticións e eurodeputada do BNG, Ana Miranda, María Teresa Fábregas falou na reunión de que o proxecto de Altri en Palas “como máis tardar tería que estar executado en agosto de 2026, e a señora Fábregas chegou a mencionar que non habería tempo”.
Publicidade
A Plataforma Ulloa Viva considera así cumprido o obxectivo de “alertar con tempo” na Unión Europea dos incumprimentos deste proxecto que, segundo a empresa, pretende acadar coa condición sine qua non, 250 millóns de euros dos Fondos Next Generation para levarse a cabo. Mónica Cea, membro da Plataforma Ulloa Viva, tomou a palabra nestas reunións para explicar o proxecto e os informes de expertos independentes feitos para a Plataforma “unha axuda de distintos expertos e colectivos fundamental para axudar a que os veciños e veciñas afectadas puideran estar informados sobre o alcance da
macrocelulosa de Altri en Palas de Rei”. Mónica Cea deixou nas institucións comunitarias
este informe que demostra "os incumprimentos do proxecto de Altri de alomenos 7 directivas da UE, e deixou claro que cos informes dos expertos non cumpre cos requisitos para optar aos fondos Next Generation”.
Nestes dous días en Bruxelas, Zeltia Laya e Mónica Cea mantiveron encontros con
distintos partidos e quedaron satisfeitas de poder “transmitir esta alerta dende a impotencia que temos a veciñanza ao saber que en realidade é un proxecto dunha macrocelulosa para producir 400.000 toneladas de celulosa soluble e unha cantidade testemuñal de lyocel, cubrindo todo dunha cor verde ecolóxica”. Mónica Cea deixou claro á vista dos informes dos expertos e do recoñecemento da propia empresa coma industria de enclave que “ao final veñen a polos nosos recursos, queren 46 millóns de litros de auga ao día e deixan contaminación na auga e no ar, queren modificar o noso modo de vida”. Logo de deixar esta “alerta” na UE, ambas explican que “levamos sensacións moi positivas e seguiremos por este camiño”.
Publicidade
Reunión con Nicolás González (PSOE)
A Plataforma Ulloa Viva tamén mantivo onte un encontro co eurodeputado lalinense Nicolás González Casares, do PSOE. Mónica Cea entregoulle o informe de denuncia de Ulloa Viva arredor dos incumprimentos da normativa deste proxecto. A respecto, González Casares asegurou que apoiará esta denuncia e asegurou que dende o Parlamento Europeo se encargará de que “se mire todo escrupulosamente”.
O eurodeputado socialista escoitou as explicacións de Ulloa Viva a respecto da
preocupación da veciñanza pola macrocelulosa de Altri en Palas, e sinalou que nestes
intres o proxecto está en mans da Xunta de Galicia, logo do procedemento de exposición
pública e o periodo de alegacións que remata hoxe, 17 de abril, e a partires de aí avanzou que fará un seguimento do tema e a súa tramitación.
Nicolás González Casares, garantiulle á Plataforma Ulloa Viva o seu apoio para que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo estude as implicacións do proxecto de implantación industrial de Altri na comarca. Así llelo trasladou este mediodía González Casares en Bruxelas aos membros da plataforma nunha reunión na capital comunitaria, na que remarcou que, previa a calquera posibilidade de concesión de axudas a cargo de fondos comunitarios, a Xunta de Galicia deberá realizar unha avaliación ambiental exhaustiva do proxecto da empresa, un proxecto que pouco ten que ver co inicialmente anunciado polo Goberno galego nin na súa actividade principal, nin nas súas dimensións en canto a investimentos ou empregos asociados. “Só se o proxecto presentado supera a avaliación ambiental estará en condicións de avanzar á seguinte fase de estudo de posibles axudas públicas”, afirmou o eurodeputado, quen salientou que, chegado ese caso, os socialistas serán absolutamente “escrupulosos” na análise da proposta de concesión desas axudas.
Casares incidiu unha vez máis en que para obter financiamento comunitario, o proxecto de Altri deberá amosar a súa compatibilidade coas normas da taxonomía e o principio de non ter un impacto ambiental significativo. “Se hai unha proposta para conceder axudas comunitarias, estaremos vixiantes para que esta cumpra os principios comunitarios de respecto ambiental. Non obstante, agora a pelota está no tellado da Xunta de Galicia, que ten que demostrar rigorosidade e seriedade á hora de analizar os posibles impactos ambientais do proxecto, con transparencia, informando aos afectados e ao conxunto da sociedade galega”, remarcou.
“Grazas ao seu potencial, Galicia está en condicións de liderar a nova vaga de desenvolvemento industrial sustentable. Ese é o modelo que defendemos os socialistas. Á Xunta correspóndelle agora non ceder a presións, debe dar respostas á cidadanía e avaliar a compatibilidade deste proxecto cos principios do desenvolvemento sustentable e co respecto ao territorio, con rigor e sen deixar lugar a dúbida ningunha”, concluíu.
Comments