A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa presenta novas alegacións contra a mina de Touro
- ecosdacomarca
- 5 oct 2024
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Touro
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e desde os colectivos do mar da ría están enviando alegacións a Augas de Galicia, "en resposta ao seu requerimento no que trasladan a pretensión do citado organismo de dar autorización ás verteduras de lixiviados aos regatos que atravesan o territorio contaminado con metais pesados da mina de Touro. Regatos que van dar aos afluentes do río Ulla e finalmente á ría de Arousa", subliña a PDRA.

"Agardando poidan trasladar á opinión pública a fonda preocupación do conxunto da ría sobre a andaina da Xunta de Galicia de seguir legalizando a contaminación persistente do río Ulla, mentres miran para outro lado á hora de investigar as causas de porqué as crías de bivalvos non prosperan a talla comercial ou se desprenden os mexillóns das cordas, ocasionando perdas millonarias no sector marisqueiro e bateeiro", engade.
A través das alegacións rexeitan entre outras cuestións "a tese de Augas de Galicia desvinculando este procedemento administrativo de calquera outra solicitude, pretendendo avalialo como un feito illado e descontextualizado no tempo e no espazo da antiga explotación mineira e as actividades industriais que hoxe en día se desenvolven nela".
Publicidade
Ademais, está en contra de tal forma de proceder: "para adoptar unha resolución xusta a Administración debe avaliar o proxecto incardinándoo no tempo e no espazo ao que pertence".
Comentarios