A piscina municipal de Cruces abrirá hoxe as súas portas, con entrada de balde ata o 16 de setembro
- Laura Moure
- 16 jun
- 2 Min. de lectura
A tempada de verán na área recreativa da Carixa inaugurarase este venres, 20 de xuño
Laura Moure/Vila de Cruces
A piscina municipal de Vila de Cruces, sita na rúa Neira Vilas 38, abrirá as súas portas hoxe, luns, 16 de xuño. Estará aberta ao público, con entrada de balde, ata o 16 de setembro, de luns a domingo en horario de 16:00 a 20:00 horas. Desde o Concello de Vila de Cruces explican que é o primeiro ano que esta instalación estará aberta os tres meses do verán, de xuño a setembro.

Tamén a área recreativa da Carixa está xa preparada para comezar a tempada de verán. O Concello realizou tarefas de mantemento para poñer a punto a zona de recreo para o desfrute da veciñanza e de todas aquelas persoas que se queiran achegar a este espazo público da parroquia de Merza. A Carixa abrirá ao público este venres, 20 de xuño.
A Carixa é un enclave único que se atopa nun emprazamento privilexiado ás beiras do río Deza. Cun aforo de 400 persoas en aproximadamente 9.000 metros cadrados en cada marxe do río, a área recreativa da Carixa dispón dunha zona de baño con dúas piscinas, mesas e bancos de madeira, asadores, aseos, parque infantil, parque biosaudable, dous chiringuitos, zona axardinada e paseo, converténdose nunha área autosuficiente enerxeticamente ao estar equipada con placas solares.
Publicidade
A praia fluvial congrega nesta época a numerosos bañistas xa que, ademais do río Deza, conta con dúas piscinas, unha grande para adultos, cun tamaño de 25x15x10 metros, e outra para os máis pequenos de 13x10x6 metros. As piscinas énchense de auga do río cada dous días, para garantir a calidade das augas, eliminando posibles sedimentos ao seren piscinas naturais sen cloro. O pasado ano o Concello acondicionou a Carixa a través de diferentes obras que alcanzaron un presuposto de 9.000 euros.
Comments