Continuará hoxe en Refoxos e a vindeira semana en Manduas e Moalde
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda iniciou esta semana a rolda de visitas ás parroquias do rural. Nesta xuntanza ca veciñanza de Laro, á que asistiron todos os concelleiros e concelleiras do goberno silledense, a alcaldesa avanzou proxectos en marcha para esta localidade.
Así, no plano da mellora de infraestruturas avanzou que se arranxará o vial entre Laro e Souto, con novo firme, no marco do Plan de Rehabilitación de Camiños en Zona de Concentración ou Reestruturación Parcelaria 2023-2024. Esta actuación figura na proposta presentada polo Concello de Silleda á citada convocatoria xunto con outros viais. O investimento previsto ronda os 47.000 euros.
Publicidade
Renovación do parque infantil
Así mesmo, dende o goberno tamén se informou á veciñanza que o Concello vén de presentar á liña de axudas de Creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos, convocada pola Xunta de Galicia, un proxecto para renovar o parque infantil de Laro, situado a carón do Centro Social.
Publicidade
Coa renovación, de lograrse esta axuda para cofinanciar un investimento de máis de 46.000 euros, tamén se melloraría todo o entorno do centro social da localidade, punto de encontro para os veciños e veciñas de Laro e no que tamén se atopa o parque biosaudable.
A axenda do goberno nas parroquias do rural, dando cumprimento a un dos compromisos adquiridos durante a campaña electoral, continúa este xoves día 29, visitando a parroquia de Refoxos. A vindeira semana será o turno de Manduas, o martes día 5 e de Moalde, o xoves día 7.
Publicidade
Ademais de explicar investimentos previsto e recoller as inquedanzas veciñais, nestas reunións dende o goberno tamén se están a difundir novos servizos como o uso de composteiros no rural para os residuos orgánicos, o servicio de comunicación de incidencias Liña Verde ou a renovación de todo o alumeado público a LED.
Comments