O BNG tilda a proposta do orzamento como un panfleto electorista e sen proxecto de futuro
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
Hai uns días celebrouse un pleno en Vila de Cruces para aprobar os orzamentos de 2023 que foi votado en contra polo BNG e polo PSOE mentres que o PP se abstivo.
O que di o equipo de goberno de Xuntos polo noso Concello (Comunicado íntegro):
"No primeiro pleno deste ano o grupo de goberno de Xuntos Polo Noso Concello levou como único punto do día os orzamentos para este ano 2023 como xa anunciara o ano pasado. Uns orzamentos realistas, con proxectos e investimentos claros, para favorecer aos veciños e veciñas do municipio, uns orzamentos que os grupos da oposición tumbaron coa única escusa de que foran uns orzamentos realizados sen consenso co resto da oposición, para elo foi necesario que tanto o BNG como o PSOE (os partidos de esquerda que tanto presumen de mirar pola xente) votaran en contra, e por suposto o PP sendo cómplices desta situación e con falta de valentía na súa decisión decidiron absterse, polo que non se puideron aprobar a pesar dos tres votos a favor do goberno.
Neste punto Taboada pregúntase, se no pleno estábase votando un orzamento ou o berrinche político de que eles non participasen na súa creación, ao que Taboada lémbralles que eles non están na oposición para realizar o orzamento, que iso é cousa do goberno, e que aínda ten Taboada moi fresco na súa memoria, porque non levou a pleno o orzamento do ano 2022, algo que os grupos da oposición non comentaron en todas as notas de prensa que envían diariamente tentando enganar aos veciños e veciñas, e séguelles lembrando Taboada os meses perdidos no ano 2022 en reunións para formalizar o orzamento 2022, que non serviron para nada, porque nada lles servía, mesmo se lle ofreceu unha cantidade de diñeiro para que decidisen en que investimentos querían gastala, pero estaba claro que o único que fixeron foi facerlles perder o tempo, para non levalo a pleno, con reunión tras reunión que non serviron para nada.

Por tanto Taboada acordou estes presupostos co seu grupo e coa Interventora do Concello para dotar a Vila de Cruces dun orzamento real para este 2023 e non un inflado que non se axusta á realidade, como foi o que aprobou Jesús Otero o seu último ano de mandato. E como afirma Mireya Otero, responsable de Economía, “ é incrible que os grupos da oposición estean por unha banda pedindo uns orzamentos, e cando os presentamos rexéitanos, xa mesmo sen velos, sen pensar se son bos ou non para os seus veciños e veciñas coa única ambición de paralizar o crecemento do concello, aínda mesmo sendo coñecedores de que moitas das súas peticións estaban contempladas neste orzamento 2023”. Con esta decisión dos grupos da oposición acaban de deixar os veciños e veciñas sen poder, por exemplo, recibir os 100 euros por rapaz para axudas nos libros, ou os máis de 2.000 euros para os novos nacementos, a posibilidade de facer máis cursos nas parroquias, ou algo tan necesario como poder ampliar as conciliacións familiares, para aqueles pais e nais traballadoras.
E como Julio López di "acaban de deixar polo seu egoísmo sen axudas de 2.000 euros as festas patronais de cada parroquia” para gastar (no que necesiten) nas súas festas patronais, e sen poder subirlle as asociacións do concello as cantidades que están recibindo que levan décadas sen actualizarse, cando as cousas cada vez son máis caras.
Pero Taboada seguirá traballando como ata o de agora cos orzamentos prorrogados, porque non vai perder nin un minuto máis con este tema, porque afirma que “onde hai que perder o tempo é en traballar para os cruceños e cruceñas, e lembra que por culpa da pandemia perdéronse case dous anos de traballo e que aínda que se realizaron grandes cambios, queda moito por facer. Por iso cree que non aprobaron os orzamentos, porque é como o can do hortelano, que non come nin deixa comer".
O que di o BNG (comunicado íntegro):
"O BNG aposta por uns orzamentos e un proxecto inclusivo, que teña en conta as necesidades reaias de toda a veciñanza. Fiuza e o grupo do BNG botaron en falta destes orzamentos medidas fundamentais, que cubran a demanda da xuventude e os máis maiores, que son os eternos esquecidos dos gobernos que van pasando polo Consistorio, tamén medidas para o asentamento poboacional, e que resulten atractivas para achegar empresas que se asenten en Vila de Cruces.
Asegura que os menos de 500.000 euros para investimentos que se reflexan, son financiados pola Deputación de Pontevedra para a mellora de varios camiños, que deberían estar xa en proceso de execución xa que pertencen ao Plan Concellos 2022. Cos cales estamos dacordo, e que sairán adiante co noso compromiso.
O BNG tilda a proposta do orzamento como un panfleto electorista e sen proxecto de futuro. Tras case catro anos cos orzamentos prorrogados do anterior mandato e sen consensuar coa maioría do pleno, Taboada presentou unha proposta da cal non quixo nin falar nin escoitar a opinión do resto dos grupos, e sen atender aos máis mínimos principios democráticos, seguramente por non ser capaz de defender uns orzamentos elaborados por unha empresa externa, cobrando case 5.000 euros a maiores do que factura mensualmente, que podería ter aforrado de facelos co persoal funcionario do Concello.
Entre outras cousas mantiña o salario de 18.200 euros para un cuarto concelleiro do goberno, que tendo en conta que a concelleira socialista deixou o cargo en agosto de 2020, non ten maior explicación que a de manter unha partida para o seu asesor cronista de cabeceira, xa que non se xustifica este gasto en ningún informe. No pleno víuse un Partido Popular completamente roto, que non se atreveu a sair da abstención, porque o único que diferenzaba esta proposta da súa, era que as dedicacións exclusivas non ían destinadas a eles mesmos. O orzamento municipal debe atender ás necesidades importantes da veciñanza, e non aos egos e ás chapuzas dun alcalde que carece de proxecto".
Comentarios