top of page

A Oficina de Información Turística de Arzúa supera o récord de visitas con preto de 19.000 persoas

Contadas dende o mes de xuño supera todas as marcas rexistradas ata agora


Laura Moure/Arzúa

O servizo de información turística do Concello de Arzúa, que onte pechou as súas

portas ata a vindeira tempada, rexistrou a maior cifra de visitas contabilizadas ata o de agora, alcanzando un total de 18.804 persoas atendidas dende o pasado día 1 de xuño e ata este venres, superando así todas as marcas rexistradas nos anos anteriores.

Peregrinos pola vila de Arzúa.

"Estas cifras poñen de manifesto a importancia dun servizo respaldado polo goberno municipal, consciente da súa funcionalidade de cara a seguir alentando un dos eixos fundamentais da economía local, o turismo rural e o Camiño de Santiago. O informe elaborado polos dous técnicos que ao longo destes meses atenderon o servizo salienta algúns datos: das 18.804 persoas que visitaron a oficina, 12.825 foron visitantes procedentes das diversas autonomías do noso país e 5.979 persoas procedían de países estranxeiros", resalta o Concello.


Procedencia

Das case 19.000 persoas que se achegaron á oficina, 975 facíano dende Estados Unidos, 781 de Italia, 559 de Francia e 511 de Alemania. Tamén se rexistraron visitas de turistas e peregríns procedentes de Canadá, Australia, Austria, Finlandia, Dinamarca, Eslovenia, Hungría, Xapón, China, México, Polonia, Portugal, Reino Unido e Corea.


O maior número de visitas rexistrouse nos meses de agosto e setembro. A nivel estatal recibíronse visitas de prácticamente a totalidade das comunidades autónomas, salientando Andalucía con 2.856 visitas, Madrid con 2.455, Cataluña con 1.093 ou a Comunidade Valenciana con preto do milleiro. "Tamén a nosa comunidade aportou un importante número de turistas, un total de 691 galegos e galegas procuraron información durante este período na Oficina de Información Turística de Arzúa".

A maioría das persoas que procuraron asesoramento na oficina interesáronse por cuestións como a busca de aloxamento, lugares de interese que visitar en Arzúa e na comarca, horarios de transporte e tamén información xeral sobre o noso país ou datos concretos doutras rutas a Compostela.


A concelleira de Turismo municipal, a socialista Begoña Balado, amosa a súa satisfacción ao coñecer os datos que recolle o informe e que ao seu ver “reflicte a importante labor que presta este servizo, moi agradecido polos nosos veciños e veciñas e imprescindible para que os turistas e peregrinos que nos visitan reciban unha información correcta e apropiada de todo o potencial turístico que ofrece o noso municipio”.

0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page