Suporá un revulsivo como fórmula de achegarlles o mundo das tecnoloxías da información e comunicación
Laura Moure/Antas de Ulla
A oficina de Acelera Peme estará en Antas de Ulla para axudar a pemes a autónomos a aproveitar os recursos da dixitalización. A posta en marcha da Rede de Oficinas Acelera Peme para contornas rurais suporá un revulsivo como fórmula de achegar o mundo das TIC aos autónomos, pemes e emprendedores de Antas de Ulla.

“É unha oportunidade para Antas de Ulla, xa que é un asesoramento personalizado por parte dos dinamizadores dixitais do programa, é dicir, adaptado ás características e necesidades de cada negocio, co obxectivo de que poñan en valor os seus produtos e servizos”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.
Publicidade
O obxectivo é axudar ás pemes a aproveitar os recursos da dixitalización para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competitividade, produtividade, eficiencia, e para que abran novas oportunidades de negocio.
Os servizos ofertados inclúen o acompañamento dixital individual e personalizado, a análise do estado de dixitalización da empresa, o apoio na implantación de novas solución dixitais no negocio, a consultoría en marketing dixital e o apoio e acompañamento na solicitude do Kit Dixital.
Publicidade
Haberá unha visita presencial a Antas de Ulla co obxecto de explicarlles o proxecto a todos os interesados. O programa Acelera PEME na provincia de Lugo, impulsado pola Deputación, está respaldado por Red.es e o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e financiada polos fondos NextGenerationEU da Unión Europa.
Comments