A noite de San Xoán deixa preto de 300 incidencias
- ecosdacomarca
- 24 jun 2024
- 2 Min. de lectura
Trátase dun número similar á pasada edición
Ecos da Comarca/Xeral
A noite de San Xoán deixa preto de 300 incidencias, un número similar á pasada edición. Segundo a información recollida no 112 Galicia, ningún dos incidentes rexistrados resultou ser de gravidade.

En xeral, foi unha noite con bastante actividade: contabilizáronse 1.189 chamadas ao 112 desde as oito da tarde de onte ata as nove desta mañá. Concretamente, as últimas horas do día 23 e ata as 2 da madrugada do 24 foron as máis intensas en canto ao número de comunicacións establecidas co 112. Pero, aínda con todo, pouco se diferenciou esta noite de celebración coa edición do 2023. De feito, a cantidade de incidencias xestionadas foi similar: 298 en 2024 fronte as 294 en 2023.
Neste senso, cómpre destacar a importancia dos operativos municipais de emerxencias, así como o dispositivo especial para esta noite no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, que contou coa presenza de efectivos dos corpos de seguridade da Unidade da Policía Autonómica de Galicia, Policía Nacional e Garda Civil. Así pois, a coordinación e a cooperación dos distintos equipos intervenientes en situacións de grave risco tradúcese nunha mellor resposta á cidadanía e na redución de incidentes graves.
Publicidade
Deste xeito, esta noite de San Xoán deixou apenas catro intervencións máis que en 2023, isto é, 298 fronte as 294 da pasada edición e, no que se refire á súa tipoloxía, as solicitudes de asistencias sanitarias foron as máis numerosas (98 en 2024). Nesta edición, algunhas tiveron relación con queimaduras (8) ou mazaduras cando as persoas trataban de saltar as cacharelas. Mais nada de gravidade, segundo a información recollida no 112.
Publicidade
Tamén foron reiterativos os requirimentos das forzas da orde (60), xa sexa por pelexas, roubos ou por vandalismo, e os incendios (23), fundamentalmente por fogueiras fóra de control.
Publicidade
Ademais dos dispositivos especiais de seguridade e emerxencias, é necesario insistir nas medidas de auto protección (Ábrese nunha nova xanela) e prevención co fin de aumentar as posibilidades de éxito dentro dunha situación de risco extremo.
Comments