Ecos da Comarca/Deza
A deputada nacionalista lalinense Ariadna Fernández presenta unha iniciativa por urxencia sobre EHE no Parlamento galego. " Na nosa comarca afecta a gran cantidade de explotacións", recalca. "É a urxencia vén motivada pola preocupación xerada no sector gandeiro diante dos criterios utilizados para a concesión das axudas e por rematar o prazo
de aceptación das mesmas a finais deste mes de febreiro".
A EHE, explica, é unha enfermidade vírica transmitida por un mosquito vector, que afectou a unha gran cantidade de bovinos no noso país durante o 2024. "Chegaron a contabilizarse 5.372 positivos confirmados en laboratorio na pasada campaña, unha cifra que non deixa de ser de escasa fiabilidade, xa que houbo moitos animais que non foron sangrados por diversos motivos, un deles, a imposibilidade dos servizos veterinarios da Xunta para facelo debido á sobrecarga de traballo á que foron sometidos durante os meses onde o pico de afectación foi máis esaxerado. Tanto é así, que os sospeitosos de padecela ascenden dos 7.000 animais, de xeito que, o momento do sangrado e a posibilidade de levalo a cabo foi un factor determinante á hora de contabilizar positivos no noso país, tendo casos especialmente dramáticos en Lugo e Ourense, onde os servizos de sanidade tiñan un colapso evidente para levar a cabo estas tomas de mostras".

A pesares diso, indica a deputada do BNG, "dende a Xunta de Galiza non se puxeron en marcha as axudas pertinentes ata que a situación dos gandeiros e gandeiras foi límite e, cando estas se anunciaron, para decepción de todos e todas as afectadas, informouse a través da propia páxina da Consellería de Medio Rural, de que todas as explotacións afectadas recibirían o importe de 20 euros por animal censado, independentemente do número de casos que se sufriran na explotación. A medida recibiuse con decepción debido á pouco xusta repartición das indemnizacións que, coma de costume, beneficiaba ás ganderías de grande tamaño e deixaba nunha situación moi complicada ás pequenas ganderías afectadas, máis tranquilizou aos gandeiros e gandeiras, porque asumiron que as axudas non dependían da cantidade de animais con diagnose laboratorial positiva".
Este pasado venres, pola contra, sinala Fernández, "a Conselleira de Medio Rural, nunha visita á comarca do Deza, anunciaba que as axudas comezarán a recibirse a partires da próxima semana, e declarou que cada animal positivo diagnosticado suporá un importe de indemnización de cen euros, medida da que non eramos coñecedoras e que prexudica a aqueles que non tiveron opción para diagnosticalos e que se viron enganados pola falsa idea que transmitiran os anuncios das axudas de que se recibirían por explotación afectada e polo censo desta, non por animal diagnosticado como positivo por o persoal veterinario da Xunta de Galiza".
Diante disto, o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, a través desta deputada , formula a seguinte pregunta para a súa resposta oral ante o Pleno, polo trámite de urxencia:
"Considera a Xunta de Galiza que actuou con transparencia e equidade ao non informar aos gandeiros e gandeiras de que as indemnizacións por EHE dependían dos animais diagnosticados como positivos cando, en moitos casos, non había medios humanos para levar a cabo a diagnose nin laboratorial nin visual?".
Comentários