Deputación, Fomento e Concello da man na apertura do proxecto que virá acompañado dun potente plan de actividades para a súa dinamización
Laura Moure/Silleda
Apostar polo patrimonio de forma sostible como fonte de riqueza cultural e turística. Con este obxectivo, Deputación de Pontevedra, Ministerio de Fomento e Concello de Silleda compartiron este xoves "un día moi fermoso" na estrea da musealización do Castro de Toiriz, proxecto enmarcado no convenio de posta en valor dos xacementos da provincia.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, que estivo acompañada polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, membros da corporación, a deputada Iria Lamas e os equipos de arqueoloxía de Deputación e da empresa encargada da actuación polo Ministerio, agradeceu aos propietarios e propietarias dos terreos sobre os que se senta o castro, algúns deles presentes na apertura, "a súa colaboración desinteresada e o seu amor polo patrimonio que hoxe engrandecemos".
O alcalde Manuel Cuiña honrou o "xesto de boa vontade e altruísmo que tiveron a pesar de ter sido presionados/as directamente polo que se estaba a facer aquí". O alcalde fixo unha mención especial a Alfredo Abeledo, un dos propietarios "que puxo toda a súa vontade" para que este proxecto se levara a cabo. Neste senso, enxalzou tamén o labor realizado pola Asociación de Amigos de Toiriz por "todo o traballo que levou a cabo para manter este enclave en condicións durante moitos anos".
A presidenta provincial, que aplaudiu a sinerxía das administracións "que compartimos unha mesma sensibilidade", deixou claro que con estas actuacións "non se pretendía facer unha actividade puramente arqueolóxica, senón poñer en valor estes xacementos, en especial o de Toiriz, que une unha paisaxe natural que namora coa pegada da historia e que ten unha enorme capacidade de atracción de visitantes". "É toda unha aposta, engadiu, polo turismo sostible que pon en valor aqueles lugares que amosan a cultura, historia e patrimonio dun país", en definitiva, "un turismo do século XXI que atrae a visitantes que queren ter experiencias e vivir emocións".
Carmela Silva recordou que "a intervención estivo dirixida e coordinada por profesionais do Patrimonio, cumpriu cos máis altos estándares de calidade arqueolóxica e contou con informes favorables das distintas administracións. "Grazas a estes traballos Toiriz viviu un "cambio transcendental que pon en valor algo tan importante como é o Patrimonio de Silleda e, polo tanto, da provincia".
Carmela Silva e Manuel Cuiña este xoves no Castro de Toiriz.
Pola súa banda, Manuel Cuiña recordou que este entorno, que antes "estaba a monte", "sempre vai estar coidado como o está agora". Ademais, comprometeuse con "toda a poboación de Silleda, que vai ter coñecemento en primeira persoa do que se fixo aquí e poderán valorar in situ as actuacións realizadas". Segundo Cuiña, "cando pase o tempo e a maioría da veciñanza teña a oportunidade de desfrutar deste espazo e das actividades que aquí faremos poremos a cada quen no seu lugar. Entón veremos se realmente esta actuación era merecedora destas presións ás persoas propietarias e deses improperios que se propinaron alegremente por parte de moita xente".
Como ben apuntou o arqueólogo Rafael Rodríguez, o obxectivo desta musealización foi "recoller traballos que se fixeran por asociacións locais e recuperar un espazo cultural, social e arqueolóxico á vez que se respectaron todos os elementos". Foi unha intervención diferente cunha limpeza e prospección xeofísica e xeomagnética inicial trala que se realizou unha intervención centrada na visibilización das estruturas agochadas e nunca escavadas. Coa musealización tamén se levou a cabo un importante traballo de información, apostando polas novas tecnoloxías mediante códigos QR que permiten ás persoas visitantes dispoñer nos seus propios móbiles de recursos ampliados sobre o xacemento, tal e como fixeron Carmela Silva e Manuel Cuíña durante a súa visita.
Grazas a estas tecnoloxías as persoas visitantes poderán "reproducir fielmente as estruturas das cabanas e do resto de elementos que temos baixo os nosos pés". Tamén se traballou na instalación de bancos, iluminación e picas para aportar ás persoas visitantes unha configuración intuitiva do poboado existente baixo rasante, aportando un valor plástico diferenciador e creando unha contorna que pode ser empregada con fins de esparexemento na natureza.
Comments