Música, showcookings, un espectáculo infantil, maxia e exposicións complétana e haberá unha trintena de artesáns
Laura Moure/Agolada
Agolada acollerá o 11 e 12 de agosto a XXIV Mostra de Artesanía. Este ano debido á pandemia decidiuse reducir a dous días esta iniciativa, porque adoitaba ser o 10, 11 e 12 de agosto. O departamento de Cultura, dirixido pola concelleira Concepción Carballal, e contando co papel tan importante da animadora sociocultural do Concello, Inma Galego, organizou unha programación variada que inclúe música, showcookings, un espectáculo infantil, exposicións e maxia. Ademais, haberá unha trintena de artesáns.
Na primeira xornada, día 11, terá lugar a inauguración da mostra ás 11:00 horas. E de seguido, da animación de rúa encargarase Latexo Percusión.
Ás 12:00 horas o Comedor Grande dos Pendellos acollerá un showcooking con produtos
locais. Haberá prazas limitadas. Nos vindeiros días darase máis información sobre esta
actividade.
Xa pola tarde, ás 17:30 horas, chega á Praza da Radulfa Al e Tana co seu espectáculo
Ventriloquía.
E ás 20:00 horas, o ritmo marcarano os membros do grupo tradicional de Agolada Bico da Balouta, que con eles tamén cantarán algunhas pezas a Coral Polifónica de Agolada.
O segundo día, o 12, coincidindo coa popular feira do doce, a apertura da mostra será ás 10:00 horas. Ás 12:00 horas volverá haber por segundo día consecutivo no Comedor Grande un showcooking con produtos locais. Haberá prazas limitadas.
A maxia será unha das protagonistas da tarde. Ás 17:30 horas estará na Praza da Radulfa o Mago Deimi.
Por último, a clausura desta edición será co concerto, na Praza do Concello, ás 20:00 horas de Os Corimbantes.
A programación completarase con exposicións, como a de pintura e debuxo de José Ángel
Ayude, veciño de Berredo que xa estivo en anteriores edicións. Será na Casa Museo.
Nos vindeiros días darase máis detalles de cada actividade.
Mobiliario público
Por outra banda, O Concello de Agolada, dirixido por Luis Calvo, traballa en diferentes ámbitos centrándose tamén nos pequenos detalles. Cando o PAYJ entrou no goberno local mudou o tablón de anuncios da Praza do Concello por outro de madeira, máis amplo e que dá unha mellor imaxe, como se pode aprezar en ambas fotografías.
Este venres, colocáronse plantas ao redor do soporte do tablón. “Son pequenas accións, pero que lle dan outra imaxe a Praza do Concello. Debemos coidar cada pequeno detalle”, recalca o mandatario agoladés.
O tablón de anuncios da Praza do Concello antes e o que hai na actualidade.
Comments