Das comarcas Lalín e Palas de Rei son os concellos que rexistraron máis problemas e no Pino caeu un raio nunha torre de alta tensión, deixando sen luz á área da Ponte Carreira
Laura Moure/Xeral
Entre as18 horas do venres e as 6 horas desta madrugada, o 112 Galicia rexistrou un total de 1.166 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adversa que afecta á comunidade galega. Nas últimas 12 horas foron 360, tal e como informa o 112 Galicia.
Tipoloxías
No global, as árbores e pólas nas estradas supuxeron máis da metade dos casos relacionados cos fortes ventos e chuvias (659), seguidas das tarefas de prevención de risco por parte dos servizos de emerxencias (140) e os postes e cables nas vías de circulación (107) ou os restos de accidentes e derrubamentos de terra e pedras (38). En suma, as estradas galegas coparon a maior parte das incidencias rexistradas polo 112 Galicia.
Con todo, destacamos outras tipoloxías como os anegamentos en estradas (34), os derrubamentos (23), os anegamentos en vivendas (14) ou as bolsas de auga (11).
Por provincias
A provincia de Pontevedra sumou máis de 400 incidencias (438), polas 358 da Coruña. En Lugo (228) e Ourense (141) os efectos do temporal foron máis moderados, sobre todo nesta última provincia.
Por concellos
Por último, os concellos máis afectados estiveron nas provincias atlánticas: Vigo (47), Lalín (30), Pontevedra (25) e A Estrada (23), na de Pontevedra. Na da Coruña, Narón (32), A Coruña (19) e Santiago (17). En Lugo sobresaen Palas de Rei (11) e Lugo (17), e en Ourense, O Carballiño (11) e Celanova, con 6 casos contabilizados.
Destacadas Nas últimas doce horas, os incidentes máis destacados que podemos mencionar teñen que ver coa caída de árbores nas estradas, como vén sendo habitual desde que comezaron a sentirse os efectos do episodio meteorolóxico adverso.
Rexistráronse varios accidentes de circulación relacionados deste tipo. A maioría, sen producirse danos persoais, como ocorreu no quilómetro 31 da OU-531, en Ramirás, na N-120A ao seu paso por Pantón ou na parroquia santiaguesa de Aríns.
Con todo, un condutor precisou asistencia sanitaria logo de caer unha póla sobre o seu coche cando circulaba polo quilómetro 29 da OU-531, en Celanova. Puido saír ao exterior polos seus propios medios e desde o 112 Galicia solicitouse a participación no operativo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos efectivos do GES de Terras de Celanova e da Garda Civil de Tráfico.
En Rubiáns, Vilagarcía, caeu unha árbore de grandes dimensións sobre un turismo estacionado no que había xente dentro. Por fortuna, non houbo que lamentar persoas feridas.
Publicidade
Logo, as árbores e pólas produciron incidencias no tráfico en vías como a A-55 (Vigo), a AG-46 (Moaña), a N-120 (Quiroga), a LU-540 (Viveiro), a AG-64 (Narón), a PO-221 (Campo Lameiro), a N-642 (Burela) ou a N-634 (Guitiriz). A maioría foron avisos de particulares que se atopaban con árbores obstaculizando ao menos un dos carrís de circulación.
Durante a tarde, o 112 Galicia tamén contabilizou varias incidencias relativas á caída de partes de fachadas á rúa. Ocorreu na rúa de Ramón Cabanillas (Moaña), onde un particular alertou dunhas chapas dun edificio que estaban a piques de desprenderse. Avisos similares rexistráronse en Xubia (Narón), onde caeron anacos da parede exterior dun inmoble sen causar danos persoais. Tamén na Coruña: particulares informaron ao 112 Galicia de cascotes caendo na estrada e na rúa de San Amaro.
Por outra banda, o vento afectou aos tellados dalgunhas vivendas: unha cuberta caeu á beirarrúa, causando danos en coches estacionados na rúa de Brasil, en Noia. Tiveron que intervir os Bombeiros de Boiro e os axentes da Garda Civil. Na mesma localidade, un particular indicou que lle saíra voando o tellado da terraza e esta comezaba a anegarse. Ocorreu na rúa República Argentina.
As continuas chuvias tamén deixaron incidencias nas que tiveron que intervir os servizos de emerxencias: en Oubiña, Cambados, un vehículo quedou bloqueado no medio dunha bolsa de auga, e en Ribadumia un home foi auxiliado polos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. El mesmo alertara ao 112 Galicia de que estaba nunha estrada inundada e que o nivel da auga chegáballe á porta. Conseguiu saír do vehículo polos seus propios medios.
Publicidade
Tamén se contabilizaron anegamentos: o desbordamento dun río provocou o asolagamento de varios baixos comerciais e do casco urbano de Caldas de Reis, como informaban os voluntarios de Protección Civil da localidade. Outros avisos desta índole chegaron ao longo do día desde Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Pontevedra, Arbo ou Padrón.
Por último, a meteoroloxía adversa deixou zonas de diversos municipios sen luz, como Ferrol, Marín, Narón, en Lourizán, Folgoso do Courel, Cuntis, Vigo ou O Pino. Precisamente neste último municipio, no Pino, un alertador particular comunicou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias que caera un raio nunha torre de alta tensión, deixando sen luz á área da Ponte Carreira. En Mos rexistrouse outro aviso pola caída dun raio, esta vez nun cadro de electricidade que ardeu sen causar danos maiores.
Commenti