top of page

A mesa de debate propón estudar un cambio de horarios na Festa da Empanada da Bandeira

Amigos da Empanada estudará a posibilidade dun gran “xantar de peñas” e a transformación dos festivais Bandeirock e Esmorga Folk nun único festival musical dedicado á empanada co obxectivo de lograr o interese turístico nacional


Laura Moure/Silleda

A Asociación Cultural Vista Alegre celebrou este mércores unha xornada máis da súa semana cultural, neste ocasión dedicada á empanada e á cita gastronómica, en colaboración coa Asociación Cultural Amigos da Empanada. A tarde comezou cun obradoiro de elaboración de empanadas dirixido por Juan Liñares e Lola Sangiao, todo un referente na vila ao acumular máis de 60 premios no concurso da Festa da Empanada. As persoas asistentes puideron descubrir as técnicas e os segredos que empregan á hora de realizar este prato de fama internacional, elaborando dúas empanadas, unha de bonito e outra de xarrete.

Antes de degustar as creacións, o centro cultural acolleu unha mesa de debate moderada por Cristina Quinteiro e que contou coa participación de diferentes persoeiros relacionados coa organización da Festa da Empanada. Manuel Viéitez, fundador da cita gastronómica, destacou a importancia de que o evento non perda a súa esencia e reivindicou a necesidade dun maior compromiso e implicación do pobo. Sara Blanco defendeu o papel da mocidade no mantemento das tradicións culturais e gastronómicas da vila e expuxo a imposibilidade de facer unhas festas como no pasado debido aos grandes cambios burocráticos e sociais.


Por outra parte, o expresidente Pepe Ayude reflexionou sobre o futuro da Festa da Empanada, que debería asumir grandes cambios se quere medrar e converterse nunha cita de interese nacional, debendo lograr unha maior autonomía financeira e dotarse de infraestruturas, así como atraer turismo a través dunha propia empanada da vila. Na mesma liña, a expresidenta Maica Caramés, que quixo tamén relatar a dificultade á hora de organizar os festexos de Bandeira, subliñando a valentía e o papel de todas as directivas.

O expresidente José Luis García mostrou o seu absoluto apoio á actual dirección e recalcou o gran paso que suporía lograr o título nacional, concordando con Andrés Seoane, actual presidente, que apostou pola creación dun programa cultural e gastronómico anual que vaia máis alá da celebración do mes de agosto e que teña como nexo común a empanada. Mónica González, tenente de alcalde e concelleira de cultura e turismo, eloxiou o traballo do actual equipo de Amigos da Empanada, que asumiu a directiva nun momento de gran dificultade despois de dous anos de pandemia, puxo en valor a labor e valentía de todas as persoas que crearon e mantiveron a Empanada durante case 50 anos e resaltou o compromiso institucional e económico do Concello de Silleda e doutras administracións.


A mesa tivo ocasión de debater sobre a posibilidade de realizar un “xantar de peñas” en lugar dunha cea o gran día da Empanada, ofrecendo unha completa e variada programación durante toda a xornada, o que podería reverter en grandes beneficios para o comercio local da vila, nunha maior afluencia ao evento e en maiors facilidades organizativas debido ás grandes restriccións horarias. Ademais, valorouse a idea de transformar os festivais Bandeirock e Esmorga Folk nun único festival gastronómico que xire en torno ao prato estrela da empanada e que se poida realizar ao longo de todo o día, favorecendo que a xente pernoite en Bandeira durante todo o terceiro fin de semana, requisito indispensable para lograr o interese turístico nacional. A actual directiva comprometeuse a estudar estas e outras ideas de cara ao ano 2023 e estableceu como obxectivos prioritarios o logro do interese turístico nacional e a creación da propia empanada da vila.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page