top of page

A maxia do Fogar de Breogán de Lalín volta o día 25

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Este coñecido restaurante e casa rural reabrirá ao público este venres tras sufrir un incendio hai algo máis dun ano e despois da pandemia


Laura Moure/Lalín

Todo o bo se fai agardar. E despois de máis dun ano o coñecido restaurante e casa rural Fogar de Breogán de Santiso (Lalín) volverá abrir as súas portas este venres, 25 de xuño, tal e como acaban de anunciar. E ademais, volta cunha imaxe totalmente renovada e moi moi orixinal, que non deixa a ninguén indiferente.

O Fogar de Breogán abrirá cunha imaxe moi renovada e orixinal.

Autor: Fogar de Breogán.


"Chegou o tempo de agradecer aos bos e xenerosos, principalmente a vós, os clientes, que estivestes apoiando e presionando chamando día si e día tamén, ademais dos provedores e persoal, grandes damnificados desta desgracia", indica este establecemento a través do seu perfil de Facebook. "Consideramos que o noso proxecto é orixinal, integrado no entorno, ecolóxico, sostible e ignífugo pero volvérono contra nós poñendo trabas que non somos nin capaces de explicar despois de perder o noso establecemento case por completo no incendio", lamenta e agradece ao persoal da Consellería de Turismo e da Consellería de Medio Rural. "Os cales resolveron en semanas o atranco burocrático de máis dun ano".


Reserva previa

Os interesados deberán facer reserva previa. "Esperamos que esta nova etapa veña cargada de cousas boas e para comezala o único que tedes que facer é reservar xa que soamente imos atender con reserva previa. Dicirvos tamén que imos empezar pouco a pouco, principalmente para respectar as medidas anticovid e para irnos adaptando a este novo (e esperemos que mellorado) Fogar de Breogán e así poder ofrecer un servizo seguro e de calidade".


Cabe mencionar que xa pasou algo máis dun ano daquel fatídico día no que este negocio de Lalín se viu arrasado polas chamas. O 1 de marzo de madrugada empezou un lume que afectou a gran parte deste inmoble, situado concretamente no lugar de O Seixo, na parroquia lalinense de Santiso. As chamas calcinaron o comedor de entrada, unha palloza, que tamén funcionaba a modo de comedor, e as catro habitacións das que dispoñía. As labores de extinción foron complicadas.


Pero agora toca deixar atrás os malos momentos e mirar cara diante. A maxia volta ao Fogar de Breogán!


Noticia relacionada


0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page