top of page

A matrícula de FP incrementouse en máis dun 30% nunha década nas comarcas de Deza e Tabeirós

Na actualidade un total de cinco centros destes concellos imparten 27 ciclos formativos


Laura Moure/Deza

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá no encontro territorial do Plan Conecta FP Galicia para a comarca de Deza e Tabeirós–Terra de Montes, que se celebra no instituto IES Laxeiro. Nun acto que conta coa presenza dos representantes do sector produtivo, con especial participación de autonómos e pemes, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a importancia da colaboración directa do mundo empresarial na “revolución silenciosa que experimentou a FP en Galicia na última década”.

Non en balde, a matrícula de FP nestas comarcas incrementouse en máis dun 30% desde o curso 2012/13, chegando este curso aos 724 alumnos, dos que 47 participan nos seis proxectos de FP Dual en marcha. En total, son cinco os institutos que imparten estas ensinanzas na zona, que ofertan 27 ciclos.

Xunto co conselleiro, interviñeron na apertura da xornada o presidente da Asociación de Empresarios de Deza, David Campos; o secretario da Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada, Félix Rodríguez Regueiro, e o alcalde de Lalín, José Crespo. Tamén participou no acto a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

Prestixio, confianza e utilidade Román Rodríguez sinalou tres indicadores que permiten avaliar o éxito da FP. Por unha banda o prestixio, o cambio na percepción destas ensinanzas por parte da cidadanía, converténdose na primeira opción educativa para moitos mozos. Por outra banda, a confianza crecente do empresariado na FP, que se traduce na súa colaboración tanto nas prácticas como nos proxectos de Dual, así como das familias. E, finalmente, a utilidade, reflectida nuns datos de empregabilidade que acadan practicamente o 100% na modalidade de Dual, así como na calidade da cualificación destes alumnos. “Estamos nun momento de transformación que esixe profesionais cualificados con todo tipo de competencias, de adaptación, tecnolóxicas...”, explicou o conselleiro, quen destacou que a calidade da FP en Galicia, “unha das comunidades autónomas líderes neste ámbito, tanto polo número de estudantes que escolle a FP fronte a outras alternativas educativas, como polas liñas de innovación e, por suposto, pola relación coas empresas”. “É indispensable a vosa colaboración para formar aos nosos alumnos nas competencias que van ser útiles e que lles van permitir enfrontarse ao mundo laboral”, salientou.

Mesas de traballo Tras o acto de apertura, a xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo da directora xeral, Eugenia Pérez. Ao longo do día desenvólvense tres mesas de traballo sobre as posibilidade de colaboración entre a FP e as empresas do seu contorno produtivo, analizando as opcións concretas da FP Dual; sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral futuro e arredor das necesidades do sector produtivo. Nelas participaron tanto representantes de centros educativos como de empresas. O encontro rematará cun espazo networking para o intercambio de ideas.

Competitividade e empregabilidade O celebrado esta mañá no IES Laxeiro é o segundo dos 14 encontros territoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP, dotado con 30,7 M€. hai ademais cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona. O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova, nunhas ensinanzas cunha inserción do 85% e de case o 100% na modalidade Dual. En total prevese que participen nestas reunións máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Serán convidadas aos encontros máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page