top of page

A Marea Veciñal de Touro tilda de "despilfarro" unha pasarela de 70.000 euros "para cruzar un rego"

Ecos da Comarca/Touro

A Marea Veciñal de Touro tilda de "escándalo" e de "despilfarro" o gasto levado a cabo polo goberno local "nunha pasarela de 70.000 euros para cruzar a pé un rego".


"Vigas dun metro de sección no canto, madeiras tropicais e outras ocorrencias nunha pontella para cruzar a pé o rego Lañas no lugar da Ulla. Para isto, o goberno local aprobou un orzamento de case 70.000 euros", cuestiona . Para o grupo Veciñal, principal partido da oposición, isto “é o exemplo do despilfarro e descontrol no gasto por parte do goberno de Touro” e afirma que “é a práctica habitual”.

A pontella sitúase no treito final do rego Lañas, para dar continuidade á ruta de sendeirismo PRG-233 Fervenza das Hortas – A Santaia. "No mesmo lugar xa houbo unha pontella de madeira que foi danada por unha enchenta e que o Concello foi incapaz de repoñer estando o paso interrumpido dende hai varios anos", asegura.

O propio proxecto das obras "deixa ben ás claras a entidade e necesidade da obra: salvar un rego de cinco metros de ancho para o paso de persoas a pé; esta é a dimensión que tiña a anterior pontella segundo os propios datos do proxecto", subliña.


Un orzamento equiparable ao dunha ponte para vehículos

"Á vista do orzamento de case 70.000 euros, a veciñanza pensou que ían construír unha ponte para circulación de vehículos e tractores; a sorpresa foi de escándalo cando consultado o proxecto, comprobaron que se trata dunha simple parasarela para o paso a pé de persoas". O grupo veciñal califica este gasto de "diñeiro público totalmente inadmisible para a finalidade da obra". E lembra que o "diñeiro que se tira sen control en moitas obras, priva de servizos básicos e priva de cubrir necesidades prioritarias para a veciñanza".

Para o grupo veciñal "este é un exemplo máis: orzamentos abultados, adxudicacións a dedo e falla de control na execución das obras é o método do goberno local que preside Ignacio Codesido", acusa.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page