top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A Marea Veciñal de Touro: "O desgoberno queima 40.000 euros e non cumpre as demandas no ximnasio"

"Pasou catro anos tirando abaixo propostas e agora quere vender propaganda barata", acusa este partido da oposición


Ecos da Comarca/Touro

A Marea Veciñal de Touro afirma que "o desgoberno queima 40.000 euros e non cumpre as demandas da veciñanza no ximnasio municipal". Sinala que "toda a veciñanza sabe que o partido veciñal leva dende o ano 2017 presentando propostas e iniciativas para a mellora e ampliación do ximnasio municipal que leva anos abandonado. O desgoberno pasou catro anos tirando abaixo estas propostas e agora quere vender propaganda barata; gasta 40.000 euros en pintar as máquinas obsoletas, cambiar o chan e tirar un tabique".


"Fixémoslle o traballo e tan só tiñan que executalo. Pois ben, unha vez máis desoen as peticións da veciñanza e o ximnasio segue sen as máquinas precisas para levar a cabo unha rutina óptima de traballo. Non se entende como con 40.000 euros o único que fixeron foi "maquillar" o espazo sen mellorar significativamente as instalacións. A única explicación que atopamos é que os cartos foron no negocio da obra adxudicada a dedo e non na dotación do material e a infraestrutura precisa", acusa.


Máis concretamente critica a unha edil. "Unha vez máis a concelleira asalariada Adela Iglesias intenta vender fume cunhas fotos no Facebook municipal, apropiándose dunha proposta allea, mentres ignora a veciñanza e queima cartos públicos dun xeito ineficiente".


Obras durante o verán

Pola súa banda, o Concello informa que investiu 39.831 euros na mellora do xinmasio municipal e nas instalacións do pavillón polideportivo, ubicado en Fonte Díaz. O investimento afrontouse a través dunha subvención da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo reflexada no proxecto denominado Mellora das Infraestructuras Deportivas. A axuda representou o 70% do investimento. O resto foi por conta das arcas municipais. A empresa contratista Silva & Pampín executou as melloras durante os meses do verán.

"Os traballos permitiron a ampliación do xinmnasio municipal, ubicado no pavillón polideportivo. As paredes do xinmnasio, aberto ao uso por parte da veciñanza, tamén foron pintadas e esta instalación conta con novo solo e falso teito que a fan máis acolledora a práctica do deporte". Mentres o interior do polideportivo foi pintado na súa totalidade. Tamén foron arranxados e pintados os vestiarios. Así mesmo, as obras acometidas nos últimos meses permitiron dotar ao pavillón polideportivo dun novo almacén para gardar o material deportivo. Os baños para o público tamén foron reformados. E a oficina do técnico deportivo foi ampliada, pintada e dotada dun falso teito.


A concelleira de Educación, Cultura e Deportes, Adela Iglesias, destaca a importancia deste investimento para poñer ao día as instalacións deportivas municipais. “Queremos que os nosos veciños e veciñas conten cunhas instalacións axeitadas para facer deporte”. E subliña que “o Concello de Touro ten entre os seus principais obxetivos fomentar a práctica do deporte entre novos e maiores, o cal redunda no benestar e na súade da nosa veciñanza".



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page