Critica que a Xunta de Galicia "non destinará un só euro do Orzamento para 2022 a inversión en Touro"
Ecos da Comarca/Touro
A presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, desprazouse este venres a Touro para presentar a Oficina Agraria Móbil. "A visita de Feijóo a Touro prodúcese no mesmo momento no que os orzamentos autonómicos que están en trámite para a súa aprobación recollen unha inversión de cero euros no concello de Touro, algo que por outro lado xa é habitual e conta co beneplácito e o silencio do goberno municipal presidido por Ignacio Codesido", critica a Marea Veciñal de Touro.
Sinala que o presidente da Xunta de Galicia "se paseou pola Feira do día 5 no noso concello e deixounos como estabamos, nas mans do desgoberno de Codesido e sen un euro de inversión autonómica en áreas tan importantes como Sanidade, Medioambiente, Infraestruturas, Mobilidade, Turismo... Exactamente en todas porque a Xunta de Galicia non destinará un só euro do Orzamento para 2022 a inversión en Touro", recalca.
Ademais, subliña que "son cero euros e cero novidades ou sorpresas, porque ninguén agardaba outra cousa da "xestión" ou "esforzo" de Codesido e o seu equipo de Goberno por conseguir melloras para a veciñanza. A estas alturas da lexislatura todos sabemos que lle gustan máis as fotos que as políticas públicas, e iso é todo o que conseguen".
"Cero euros en Mobilidade cando as demandas para mellorar o transporte público metropolitano foron postas sobre a mesa fai xa tres anos; cero euros en Medioambiente cando a 30 metros de onde aparcaron o camión este venres, está un dos regos máis contaminados de Galicia cuxo caudal chega ó Ulla; cero euros en Turismo despois de que ICOMOS en 2018 lle enviara un informe para "recuperar física e funcionalmente" o tramo histórico do Camiño de Santiago Arzúa-Beseño-Quión-Arca; cero euros en Medio Rural, en Política Social, en Economía e Facenda, en Cultura... cero euros que tamén cuantifican a valía do Goberno Municipal, que ignora as necesidades e demandas da veciñanza tanto ou máis que o goberno autonómico, coa gravidade engadida de que Ignacio Codesido, Alfredo Souto, María Josefa Codesido, Manuel Puga, Jesús Martínez e Adela Iglesias só se deben a Touro e a súa veciñanza. Un goberno municipal que acepta os recortes no centro de saúde (mentres paseaban pola feira os nosos maiores estaban vacinándose no concello de O Pino), na Educación e que se contenta cun paseo pola feira do día 5 mentres o barco segue afundíndose", conclúe este partido da oposición.
NOTICIA RELACIONADA:
Yorumlar