top of page

A Marea Atlántica demanda á Deputación a rexeneración da balsa de lodos tóxicos do río Portapego

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Levará unha moción ao pleno do ente provincial e afirma que "a empresa presentou un proxecto de saneamento para silenciar as propostas veciñais, pero é unha cortina de

fume que deixa fora ás zonas máis afectadas”


Ecos da Comarca/Touro

A Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno da Deputación Provincial, na que reclama "a urxente rexeneración ambiental da balsa de lodos tóxicos do río Portapego, unha das zonas máis contaminadas de Galicia, froito da acumulación de sedimentos da antiga mina de Touro e o Pino".

Esta balsa sitúase no Lugar do Portaguzo, preto de Fonte Díaz, capital municipal de Touro, e non está incluída no plan de drenaxe presentado pola empresa Explotaciones Gallegas S.L o 30 de setembro. Como denuncia Alberto Lema, voceiro provincial da Marea Atlántica, “este proxecto é só unha cortina de fume, un anuncio que pretende calar as protestas da veciñanza, pero que resulta insuficiente para rexenerar a zona afectada pola mina tras 30 anos de abandona”. E engade que “parece responder máis ás tentativas de reabrir a mina, por parte das empresas Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, que a unha verdadeira intención de sanear o río Portapego, afluente do Ulla”. Esta moción dálle continuidade á iniciativa que xa presentara na Deputación o 1 de outubro, tras visitar a zona en setembro, e que resultou aprobada por maioría.


O informe da Sociedade Galega de Historia Natural, publicado en novembro de 2017, "deixa ben claro os riscos e o impacto ambiental que tería o regreso da actividade mineira a Touro e O Pino. Por iso, volvemos reclamarlle a Explotaciones Gallegas, S.L. e á Xunta de Galicia que asuman a súa responsabilidade e rexeneren os terreos e regos fluviais afectados pola actividad mineira en varios quilómetros á redonda, con especial atención á perigosa balsa de Portaguzo.


Tres décadas de contaminación por metais pesados

Recalca que "a mina de Touro e O Pino foi unha explotación a ceo aberto de máis de 600 hectáreas, que permaneceu activa de 1970 a 1988, para a extracción de cobre e outros metais pesados. Pechouse sen ningún tipo de protección ambiental, deixando expostas grandes escombreiras con elevadas concentracións de cobre, ferro, cromo, níquel, chumbo e zinc, metais tóxicos todos eles. Á vista están as consecuencias deste modelo que defende o PP, baseado en venderlle os recursos naturais a empresas multinacionais que esnaquizan o territorio. Por iso agardamos que a nosa proposta reciba o apoio maioritario dos grupos da Deputación".

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page