Será a 24ª edición a cal se desenvolverá na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda coas súas zonas xa habituais, a Intranet e a Extranet
Laura Moure/Silleda
A Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda volverá reunir a profesionais e afeccionados á informática e as novas tecnoloxías do 1 ao 3 de novembro. Será na 24ª edición da maior lanparty galega, denominada anteriormente XGN R Encounter e que agora se chamará XGN INTERMAX.
Este evento contará de novo coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, as cales se situarán nos dous pavillóns principais do recinto, con 10.000 metros cadrados cada un deles. En canto á primeira, orientada a rexistrados, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
Publicidade
Formación, intercambio de experiencias e entretemento volverán ser os eixos desta edición de 2024, que conta co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, e estrea empresa colaboradora e patrocinadora oficial, Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega os participantes poderán navegar ao dobre de velocidade
que na pasada edición da party, con ata 40 Gbps. A organización xa está a deseñar a cita, que continúa tendo como obxectivo converterse na segunda lanparty a nivel nacional.
Publicidade
Un programa con gran interese
A XGN INTERMAX contará con actividades moi variadas tanto para persoas rexistradas como para visitantes que acudan á Extranet. Novidades e propostas xa habituais que contan con gran éxito todos os anos uniranse nun programa que incluirá competicións, talleres, conferencias, actividades de realidade virtual e tamén os xogos máis diversos.
Comments