A maioría dos concellos das comarcas amosan os seus atractivos na Feira Internacional de Turismo
Laura Moure/Xeral
Esta semana xa falamos que os concellos de Melide, Silleda e Vila de Cruces están participando en Fitur, a Feira Internacional de Turismo máis importante e internacional que se está a celebrar estos días en Madrid. Hoxe temos que falar doutros municipios das comarcas que tamén están presentes: Arzúa, Monterroso, Palas de Rei, Lalín ou Sobrado dos Monxes.
ARZÚA
O concello de Arzúa está presente un ano máis en FITUR, punto de encontro global para os profesionais do turismo e a feira líder para os mercados receptores e emisores de Iberoamérica, onde, ademais de promocionar a vindeira edición da Festa do Queixo 2023, asistiu onte á presentación do proxecto “CAMINO 360º” xunto á Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés.
Ademais, Arzúa está presente tamén no posto da Deputación da Coruña, onde promociona o seu potencial como destino turístico e gastronómico, e contará con material audiovisual no que se recollerán as paisaxes, rutas de sendeirismo, instalacións deportivas e os establecementos de hostalería e restauración.
Para a concelleira de Turismo, Begoña Balado, a presencia nesta feira “supón darlle unha gran visibilidade ao noso concello e, polo tanto, dar a coñecer o grande atractivo turístico de Arzúa” e, ademais, “participar nun proxecto como CAMINO 360º representa unha enorme oportunidade para poñer en valor a importancia do Camiño Francés ao seu paso polo noso concello, e para atraer peregrinos que pasan por Arzúa durante o seu camiño a Santiago e turistas amantes da natureza”.
A presentación do proxecto “CAMINO 360º” tivo lugar esta mañá, e en representación do concello de Arzúa, será a titular de turismo municipal, Begoña Balado, quen acudirá para acompañar no acto, entre outros, ao o presidente da Mancomunidade, Claudio Garrido Martínez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez.
Arzúa está preparada para recibir os turistas co agarimo e a hospitalidade de sempre e facer que descubran unha oferta turística ampla e diversa que colmará calquera expectativa. Xunto ao Concello de Arzúa tamén se atopan os de O Pino, Melide, Monterroso e Palas de Rei.
MELIDE
O Concello de Melide aposta na Feira Internacional de Turismo FITUR por facer equipo co resto de concellos da Mancomunidade do Camiño Francés para promover esta ruta xacobea e o seu impacto positivo nas cifras do turismo local. O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e mais o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, participan hoxe na presentación dun vídeo de promoción do Camiño elaborado pola Mancomunidade. A proxección ten lugar no stand de Galicia no recinto feiral IFEMA de Madrid.

O Camiño de Santiago, impulsado polo recente Xacobeo de dous anos, tense consolidado
como o gran polo de atracción turística de concellos como Melide, situados no trazado
deste Camiño e mais do Primitivo que vén de Asturias. Entre maio e setembro de 2022
pasou por Melide un total de 16.721 peregrinos, dos cales preto dun 36% eran
estranxeiros. Estas cifras alentan o sector e convidan a apostar pola internacionalización
do turismo melidao.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, salientou a importancia de que os concellos da
ruta xacobea colaboren en iniciativas como esta, xa que “promover un destino turístico
amplo e integrador arredor do Camiño de Santiago significa un impacto social e
económico positivo para todos os concellos que conforman a ruta”. Neste sentido, o
rexedor amosouse confiado de que “pasado o Xacobeo, Melide e o Camiño seguirán
captando visitantes se mantemos o interese vivo a través de iniciativas coma esta que
presentamos hoxe en FITUR”, recalcou onte.
Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, valorou moi positivamente as cifras de turismo de 2022 en Melide e considerou que “a promoción da
Festa do Melindre, cuxa trixésima edición foi un éxito total, e do Camiño de Santiago
supón contar con dous recursos excepcionais para destacar Melide nos mapas turísticos
de Galicia”.
MONTERROSO
Monterroso, por primeira vez, está presente en Fitur. A alcaldesa, Rocío Seijas, durante todas as xornadas está a realizar un intenso traballo para promocionar e visibilizar Monterroso.
Monterroso está a ser impulsado pola súa historia e patrominio, pola súa riqueza paisaxística, pola súa cultura, polas súas rutas de sendeirismo e polas súas tradicións.
A Feira de Santos tamén está a ser promocionada internacionalmente como un pasiño máis para ser declarada de interés turístico nacional.
Ademais xunto cos alcaldes da Mancomunidade do Camiño, Monterroso está a mostrar unidade e está a dar un paso máis agrupándose con concellos de León para afianzar o liderazgo que están mantendo na promoción, ofrecendo mellores e máis servicios a través da innovación dixital e o turismo experiencial. Promocionar e dinamizar o noso municipio cun gran valor paisaxístico, cultural e etnográfico, como é, Monterroso é unha das finalidades polas que a rexedora está estos días en Fitur, donde xa ten axendadas unha serie de reunións con directivos, con diversos turoperadores de diferentes países, así como representantes para crear sinerxias.
PALAS DE REI
Palas de Rei acode a Fitur donde promociona os seus atractivos turísticos, dando a coñecer o municipio no resto do mundo e destacando as rutas (francesa e primitiva) do Camiño de Santiago, así como, potenciando o patrimonio románico como un reclamo para os visitantes, reflexado como estilo arquitectónico en numerosas igrexas, entre elas, a de Vilar de Donas. Neste senso, o alcalde de Palas, Pablo Taboada, participou na presentación da campaña de promoción turística da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, así como, asistiu a presentación da campaña “Lugo provincia románica”, da institución provincial, que contou coa participación do coñecido actor Chechu Salgado e na que se fai unha especial mención ó románico en Palas de Rei.
“Dinamizar a actividade do turismo no rural, nun municipio cun gran valor paisaxístico, cultural e etnográfico, como é, Palas de Rei” é unha das finalidades polas que o rexedor palense, Pablo Taboada, está estos días en Fitur, donde xa ten axendadas unha serie de reunións con diversos turoperadores de diferentes países.
DEZA
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, puxo en valor o “enorme potencial e o inmenso caudal natural” das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes como Destino Verde de referencia en España durante a presentación deste xeodestino do interior pontevedrés na feira Fitur, que se celebra no Ifema de Madrid.
“Estamos ante un dos territorios turísticos de natureza máis grandes do país, con case 1.500 quilómetros cadrados, que ademais conserva unha gran pureza e riqueza
medioambiental e paisaxística e no que se fixeron os deberes, xa que un cada catro
metros está protexido polo seu incalculable valor. Por elo, Deza e Tabeirós ten un atractivo
indubidable con moito percorrido a nivel nacional e, especialmente, europeo, xa que estes
valores naturais son moi apreciados en todo o continente, polo que hai que seguir
traballando para dalo a coñecer coa maior das intensidades”, destacou o representante
autonómico.
Corazón verde
Luis López estivo acompañado na presentación deste xeodestino como Corazón Verde de
Galicia polo alcalde de Lalín e presidente da ADR, José Crespo, e polo xerente, Ramiro
Ruibal, que fixeron unhas pequenas intervencións e tamén proxectaron un novo vídeo
promocional, que contará con cápsulas de breve duración adaptadas para a súa difusión a través das redes sociais e outros formatos web.
O delegado territorial, que foi o anterior presidente desta ADR, apelou á subxectividade e á
emotividade durante a súa intervención, “xa que pola miña responsabilidade pública a
miña cabeza e o meu corazón están en toda a provincia, pero a miña alma é de Rodeiro e
pertence ao Deza”, pero tamén garantíu e comprometeu o “absoluto apoio” da Xunta de
Galicia para o desenvolvemento turístico desta contorna.

Ademais, tamén salientou que estes valores naturais destas dúas bisbarras “teñen ata a
guinda do pastel, porque contan cun dos oitos monumentos naturais oficiais de Galicia, a
Fraga de Catasós, que representa a historia, a tradición e o legado dos nosos bosques”. “Deza e Tabeirós teñen mar, un inmenso mar verde cheo de pureza que hai que visitar
alomenos unha vez na vida”, instou Luis López, antes de facer un percorrido polas principais iconas naturais e turísticas deste xeodestino e convidar a todos os presentes a
asistir ao Mes do Cocido de Lalín, que comezou o pasado domingo e que se prolongará
ata o 14 de febreiro.
SOBRADO DOS MONXES
No caso de Sobrado dos Monxes están en Madrid o concelleiro de Turismo, Miguel Combo, acompañado do técnico de turismo, Víctor Cabanas para amosar todo o que este concello pode ofrecer a nivel cultural, patrimonial e turístico.
O mosteiro de Santa María, patrimonio da Humanidade, a lagoa de Sobrado, o Camiño do Norte e a Ciadella son protagonistas nesta gran feira de turismo internacional.
NOTICIA RELACIONADA:
https://www.ecosdacomarca.com/post/varios-concellos-das-comarcas-est%C3%A1n-presentes-na-feira-internacional-de-turismo-fitur-en-madrid (Silleda e Vila de Cruces tamén están presentes).